Marea Pontevedra insiste na necesidade de garantir a accesibilidade no pavillón municipal dos deportes

A vicecoordinadora de Marea, Herminia Dios, e o activista pola mobilidade, César Maquieira, presentaron ante os medios a proposta do colectivo para facer do pavillón municipal un espazo accesible para todas as persoas.

As compañeiras de Marea Pontevedra, César Maquieira e Herminia Dios, compareceron ante a prensa para presentar unha moción presentada pola concelleira Carmen Moreira o pasado martes (04/07/2017). O texto da moción recolle unha demanda histórica da cidade do Lérez: a accesibilidade das súas instalacións deportivas, encadrada na necesidade dunha ordenanza que garanta a accesibilidade universal na cidade.

A comparecencia comezou coas palabras de Herminia Dios, que destacou que todas as instalacións da cidade deberían estar pensadas para todas as persoas, co obxectivo de buscar a máxima independencia das mesmas: ‘Entendemos por accesibilidade universal a condición que deben cumprir as contornas, procesos, bens, produtos e servizos, e tamén os obxectos ou instrumentos, ferramentas e dispositivos, para ser comprensibles, utilizables e practicables por todas as persoas en condicións de seguridade e comodidade, da maneira mais autónoma e natural posible’.

No transcurso do ciclo vital a maioría das persoas pódense ver afectadas por problemas de mobilidade e/ou comunicación. Na actualidade avanzouse con diversas leis e normas vixentes en materia de accesibilidade, pero a ausencia de mecanismos eficaces para a vixilancia do seu cumprimento e a insuficiencia de medios humanos e técnicos para a súa posta en marcha, orixinan que na practica as persoas con discapacidade, diversidade funcional e/ou en situación de dependencia non poidan contar con todos os recursos necesarios para gozar dunha vida digna e exercer a plena cidadanía cos seus dereitos e responsabilidades.

Pola súa banda César Maquieira analizou as dificultades coas que se atopa unha persoa con mobilidade reducida cando asiste a un evento deportivo no pavillón máis importante de Pontevedra: ‘Aínda quedan numerosas instalacións que non son accesibles. Nos imos a estar pendentes ata o día 4 de decembro deste ano para visibilizar o grado de cumprimento da lei. A día de hoxe, no pavillón de maior capacidade da cidade non temos capacidade de ir aos aseos nin á cantina, e non son poucas as ocasións nas que nin tan sequera podemos disfrutar do evento’.


MARCO LEGAL

Aínda que en Galicia contamos coa Lei 10/2014, de 3 decembro, de accesibilidade de Galicia, que pon de manifesto que: “nunha contorna accesible e sen barreiras, as persoas con diversidade funcional melloran, de forma significativa, as súas habilidades e a súa autonomía, incrementan a súa participación e autoxestión na vida diaria e social, evitan situacións de marxinación, reducen a dependencia de terceiras persoas e incrementan a prevención desta dependencia”, este marco normativo aínda está pendente de desenvolvemento e non se cumpre.

No ámbito estatal, a disposición adicional terceira do Real Decreto Lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, que aproba o Texto Refundido da Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, determina o 4 decembro de 2017 como prazo máximo para esixir para o acceso e utilización de toda a contorna construída (inmobles ou establecementos, edificacións e espazos públicos urbanizados e edificacións).

Este prazo máximo autorizado do 4 de decembro de 2017 afecta tamén a espazos como o pavillón municipal dos deportes. Esta é unha instalación municipal na cal se congregan numerosas disciplinas deportivas, xa ben sexa para entrenar ou para a celebración de probas/eventos deportivos. Aínda que no ano 2016 se acometeron as obras de reforma coa instalación da nova cuberta, valoradas en 605.951,06 euros, a día de hoxe se detectan diversas eivas que impiden o acceso e disfrute destas instalación por parte das persoas con diversidade ou disminución funcional:

  • Aseos cun acceso de escaleiras
  • Non existe unha sinaléctica específica adaptada (visual, táctil..etc)
  • Unha rampa impracticable de acceso a cantina
  • Non existe ningún medio/axuda técnica de intérprete de lingua de signos e/ou bucle magnético para persoas xordas, e xordo-cegas)
  • Non se conta con ningún dispositivo técnico que subtitule/retransmita os eventos deportivos facéndoo comprensible e accesible.
  • E a imposibilidade de acceder ao foso e as gradas co cal, nos mellores dos casos as persoas vense obrigadas a coller as cadeiras da cantina e situarse na parte alta das gradas.

ACOMETER DIVERSAS OBRAS PARA FACER ACCESIBLE O PAVILLÓN MUNICIPAL DOS DEPORTES:

  • Aseos accesibles tanto para persoas con diversidade funcional: discapacidade física, sensorial (visual, auditiva e xordo-cegueira), cognitiva, e disminución orgánica funcional (pacientes ostomizadas)
  • Sinaléctica específica adaptada en materia de accesibilidade no exterior e interior do pavillón.
  • Facer unha rampa accesible e practicable que de acceso a “cantina”
  • Instalar medio/axuda técnica en relación a intérprete de lingua de signos e/ou bucle magnético para persoa sordas.
  • Instalar un dispositivo técnico que subtitule/retransmita os eventos deportivos facendoo comprensible e accesible para todo tipo de público asistente.
  • Habilitar un espazo a “cota cero” onde se instalen asentos, ou buscar unha alternativa viable inclusiva que permita que as persoas poidan disfrutar dos espectáculos deportivos sen teren que sentarse na parte superior das gradas, fóra do espazo reservado a tal fin.PAVILLON PAVILLON 2

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*