Marea Pontevedra insiste en rematar coa subvención encuberta ás touradas en Pontevedra

O colectivo liderado por Luís Rei presenta unha moción para que o Concello de Pontevedra deixe de financiar indirectamente as touradas. Pontevedra é a única cidade galega que aínda segue festexando un espectáculo baseado na tortura animal.

A Xunta de Goberno Local (XGL) asina cada ano un contrato coa empresa da praza de touros. A cantidade que lle custa ás arcas públicas non aparece con consignación propia nos Orzamentos xerais do Concello, senón que hai que atopala “camuflada” no capítulo 2, dentro da partida denominada “Festas populares-verán cultural”, que en 2017 alcanza un total de 940.000 euros. Aí se imputaron as cantidades de 42.500 euros en 2015, e de 38.500 euros en 2016.

O contrato réxese por un prego de condicións que inclúe o  compromiso do Concello de correr co importe dos gastos orixinados pola organización dos actos, de satisfacer todos os impostos, arbitrios, taxas, contribucións e tributos que graven eses actos, de entregar á empresa as localidades do Palco, e de ceder a explotación do servizo de bares e bebidas dos espectáculos que organice o Concello, que será por conta, a cargo e beneficio da empresa da praza; que, ademais, se reserva o dereito a bloquear, por dereito exclusivo e preferente, as datas da primeira quincena de agosto nas que organiza as corridas de touros da Feira da Peregrina. Pola súa banda, o Concello obtén a cesión da praza fóra desas datas, algo que soamente se está traducindo no seu uso durante a Feira Franca, un evento que se celebra na primeira fin de semana de setembro. Paradoxalmente, o Concello non fai valer que os terreos onde se ergue a praza, desde a súa construción en 1896, son de titularidade municipal, nin tampouco que, desde 1954, é propietario dunha doceava parte indivisa do edificio.

Deste xeito, o voceiro de Marea Pontevedra, Luís Rei entende que o Concello de Pontevedra non fai todo o que está na súa man para rematar coa tortura animal na cidade e que, incluso, favorece que poidan festexarse estos espectáculos: ‘Dado que setembro é un mes, e que un mes é unha doceava parte do ano, non deixa de resultar estraño que o Concello pague polo uso, precisamente durante unha doceava parte do tempo, dun ben do que é titular dunha doceava parte. E tampouco non deixa de resultar estraño que o importe supoña unha cantidade que multiplica cinco ou seis veces o alugueiro tanto de prazas portátiles coma de prazas permanentes de grande aforo. Isto invita a pensar que o que se presenta como un contrato de arrendamento é, en realidade, unha subvención encuberta das corridas de touros, un espectáculo por cuxa desaparición avoga boa parte da opinión pública’.


PROPOSTA:

Instar á Xunta de Goberno Local a non subscribir en 2017 o denominado Contrato privado de arrendamento mediante procedemento directo da Praza de Touros para espectáculos non taurinos.

Ver moción

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*