Marea Pontevedra insiste en recuperar a xestión directa do servizo de guindastre

O voceiro de Marea Pontevedra, Luís Rei, rexistrou hoxe unha moción instando ao Concello a elaborar un estudo para determinar as actuacións públicas necesarias para municipalizar o servizo.

O 25 de xullo de 2012, por resolución do Concelleiro responsable da Área de Facenda e Medio Ambiente, o Concello de Pontevedra acorda a adxudicación da contratación do Servizo municipal de recollida, retirada, transporte, inmobilización, depósito e custodia de vehículos e outros obstáculos das vías públicas, á empresa SETEX APARKI, S.A. Con data 11 de febreiro de 2016, a empresa adxudicataria presenta solicitude no concello de restablecemento do equilibrio económico do contrato, motivado polo descenso dun 20,38 por cento nos ingresos previstos, a causa da diminución do número de vehículos retirados (prevíanse 5.000 ao ano).

Segundo un informe da Policía local, de 18 de marzo de 2016, desde 2010 a 2016 a redución do número de vehículos retirados polo servizo municipal de guindastre foi do 29 por cento. A Policía local atribuía ese bo dato á reforma urbana, á incorporación de novas tecnoloxías (como o “ollomóbil” e outras), e ás melloras nos procedementos de denuncia, tramitación e cobro. Todo iso influíu positivamente na diminución das infraccións de tráfico, e ese mesmo informe conclúe que o número de vehículos retirados polo guindastre seguirá descendendo nos anos vindeiros.

A Xunta de Goberno Local, o día 8 de xaneiro de 2018, acorda o restablecemento do equilibrio económico do contrato como “consecuencia da considerable redución de retiradas de vehículos da vía pública, polo que procede a compensación económica á empresa adxudicataria para restablecer o equilibrio económico do contrato.” Non é motivo desta proposición entrar a valorar a máis que clara falta de previsión cometida na contratación, cun estudo de viabilidade realizado só para unha anualidade e non para todos os anos de duración do contrato. Esa falta de previsión significa que actualmente o contrato está resultando para o Concello, e por ende para a veciñanza, máis gravoso que o previsto inicialmente.

A diminución do número de sancións debe ser unha prioridade para o conxunto das autoridades e un motivo de satisfacción colectiva para a sociedade. En ningún caso debe significar un incremento de gasto para a cidade en favor dos intereses dunha empresa privada, nin unha penalización económica para unha cidadanía exemplar que cada vez paga menos multas (porque comete menos infraccións), pero se ve obrigada a soportar un gravoso negocio privado.

Dado que a lei  permítelle á administración local decidir o sistema de prestación dos servizos públicos que ten encomendados en base a criterios de oportunidade e eficiencia (artigo 85 da LBRL). Dado que o 31 de decembro de 2019 remata a concesión do servizo a SETEX APARKI SA. E dado que a municipalización do servizo parece a proposta máis razoable e menos gravosa unha vez chegada esa data, Marea Pontevedra insta a encargar un estudo para determinar as actuacións necesarias para asumir desde o Concello a xestión directa do servizo municipal de recollida, retirada, transporte, inmobilizacion, depósito e custodia de vehículos e outros obstáculos das vias públicas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*