Marea Pontevedra insiste en recuperar a Subdelegación de Defensa para convertila na primeira escola infanil municipal de Pontevedra

A deputada de En Marea, Yolanda Díaz, volverá a preguntar, nesta ocasión ao goberno de Sánchez, por este asunto e tamén polo nome do Colexio Salvador Moreno. Ambas tiveron resposta negativa do anterior goberno do veciño non grato de Pontevedra, Mariano Rajoy.

As dúas propostas de Marea Pontevedra están pendentes de ser debatidas no Congreso dos Deputados como Proposicións Non de Lei (PNL).

A saída do goberno máis corrupto da historia recente da nosa democracia, encabezado polo veciño pontevedrés, Mariano Rajoy, abre un novo horizonte a dúas propostas que Marea Pontevedra ten para a cidade do Lérez. A primeira, a apertura da primeira escola infantil municipal tivo resposta negativa por parte da Ministra de Defensa saínte, María Dolores de Cospedal, e a segunda, o cambio de nome do Colexio Salvador Moreno en cumprimento da Lei de Memoria Histórica, tivo tamén resposta negativa, incluso con certo escarnio e con total desleixo a lei do expresidente:

Salvador Moreno merece ser homenaxeado cunha rúa e cun colexio de educación primaria e secundaria pola: ‘Contribución que esa persona realizó a la Armada en general y a la enseñanza en particular’


ESCOLA INFANTIL NA SUBDELEGACIÓN DE DEFENSA

O concello de Pontevedra non ten ningunha escola infantil propia, sen que haxa sobre a mesa ningunha proposta de actuación para remediar esa carencia. Dada a elevada porcentaxe de nenos que quedan sen praza (518 de 1.005 peticións) resulta evidente a necesidade de ampliar a oferta e formular a creación de novas escolas. Marea Pontevedra e En Marea solicitaron para este fin o edificio actualmente ocupado pola Subdelegación do Ministerio de Defensa, construído polo propio Concello en 1877 precisamente para Grupo Escolar.

O edificio, obra de Alejandro Sesmero, inaugurouse en 1892. Porén, só tivo uso distinto ao militar durante os seis anos iniciais (ata 1898 cando se lle cedeu á Brigada Topográfica de Enxeñeiros), e mais noutro período inferior a unha década  (entre 1919 e 1928, cando foi Escola Normal de Mestres). Os máis de cen anos restantes estivo ocupado polo Exército, que o adquiriu definitivamente en 1956. Na actualidade é a única sede provincial que Defensa decidiu non pechar, contrariamente ao que fixo no resto das capitais galegas, onde optou polo traslado a edificios cun menor custo para a administración.

Para poder levar a cabo esta proposta era preciso que o Ministerio de Defensa desafectase este edificio, motivo polo cal a proposta non se limitou ao ámbito municipal. Yolanda Díaz solicitou ao novo goberno a inclusión dentro do plan de racionalización de infraestruturas do Ministerio de Defensa ao inmoble que acolle a sede da Subdelegación do ministerio en Pontevedra para proceder ao seu traslado a outro inmoble de menor custo para a Administración Xeral do Estado.


CAMBIO DE NOME DO COLEXIO SALVADOR MORENO. UN MINISTRO GOLPISTA

En xullo de 1936, Salvador Moreno, capitán de fragata, realizou actos terroristas contra a legalidade constitucional, e a man armada apoderouse no arsenal de Ferrol dun cruceiro da Armada que puxo a dispor dos militares que se alzaron contra o goberno lexítimo da República.

Moreno desde o primeiro momento formara parte en Galicia da trama político-militar que preparou o golpe militar e que, despois do seu trunfo por métodos violentos, levou á morte por fusilamento de numerosos mariñeiros e oficiais leais ao goberno republicano e mesmo do almirante Azarola, comandante xeral da Mariña no territorio galego.

Polas súas actuacións ao mando de buques franquistas foron bombardeados tanto portos como poboación civil do Cantábrico e de Andalucía e realizou capturas de buques en alta mar que produciron novas execucións e condenas a morte en ilegais consellos de guerra.

Condecorado polo ditador por estas actuacións e ascendido a almirante, o xeneral Franco nomeouno, en dúas distintas etapas, ministro de Mariña da ditadura.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*