Marea Pontevedra insiste en abrir ao público a horta e os xardíns do convento de Santa Clara

O ‘hortus conclusus’ do convento de Santa Clara sería unha das zonas verdes referenciais do centro da cidade.

Marea Pontevedra entende que o xardín e o edificio son dun valor incalculable e que as administracións deben velar para que non caia no esquecemento.

O colectivo cidadá, a primeira forza política en solicitar a apertura ao público despois do peche, ratifica a defensa deste espazo como zona de lecer para as veciñas de Pontevedra.

Xa hai máis dun ano desde que o convento de Santa Clara pechou a súa actividade na Boa Vila. Concretamente foi o día 26 de setembro de 2017 cando recibimos a nova do peche dun ciclo  histórico que perduraba máis de sete séculos na nosa cidade. Naquel momento, Marea Pontevedra xa amosaba a súa seria preocupación polo futuro inmediato das instalacións e espazos conventuais.

Marea Pontevedra segue insistindo en que o Concello de Pontevedra debe implicarse, xunto a outras institucións, na defensa do patrimonio artístico e monumental do Convento de Santa Clara e evitar desde hoxe mesmo que se poidan dilapidar ou deteriorar tanto a igrexa conventual como os edificios anexos.

Para conservar un patrimonio único é indispensable que Xunta de Galicia, episcopado, Deputación e o propio Concello establezan os necesarios protocolos de actuación para que non se corra risco ningún de abandono dos elementos arquitectónicos e artísticos do convento. Canto máis tempo diste desta actuación, máis complicada será esta tarefa.

Marea Pontevedra quere que este enorme espazo, ata agora agochado pola muralla do convento de Santa Clara, poda ser gozado polos pontevedreses e máis tamén polas persoas que visitan á cidade e así, deste xeito, ampliar considerablemente o potencial turístico da zona monumental de Pontevedra.

Marea Pontevedra quere contribuír a que un espazo tan descoñecido e non accesible ata de agora como é o xardín do convento de Santa Clara, dotado dunha singular riqueza arbórea e paisaxística en pleno centro da cidade, poda converterse nun futuro nun novo espazo de lecer para a cidadanía pontevedresa. Este xardín conta cunha superficie de 9500 metros cadrados nos que podemos atopar viñedos, unha horta de autoabastecemento e unha gran variedade de árbores con moita historia, que abarcan desde castiñeiros ata secuoias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*