Marea Pontevedra impulsa un novo xiro social no orzamento do Concello de Pontevedra

A XXI Asemblea de Marea Pontevedra xuntouse onte en sesión ordinaria para decidir o sentido do voto do grupo municipal no pleno do venres 15 de decembro. A formación aprobou facilitar que o goberno poida aprobar os orzamentos absténdose na votación. Trátase dun orzamento en solitario dun goberno municipal en minoría que continua sen crer na xestión directa dos servizos públicos e que conta cun gasto social mínimo, que xa no ano anterior levou ao concello a gañar o premio ‘Corazón de Pedra’, dúas das principais liñas programáticas de Marea Pontevedra.

Esta situación impide que Marea Pontevedra vote a favor no pleno do venres. Porén, pola gobernabilidade e polos veciños e veciñas permitirá que saian adiante mediante unha abstención responsable.


UN ORZAMENTO MELLORADO:

Plan de emprego xuvenilO plan de Emprego para a Mocidade de Pontevedra é un plan de formación certificada con prácticas en empresas, dirixido a 105 persoas (63 mozas e 42 mozos) de entre 16 e 30 anos, desempregados/as, e que non estean integrados/as nos sistemas de educación ou formación, que ten como obxectivo mellorar a empregabilidade da xuventude de Pontevedra cunha duración de 12 meses. 813.813,04 €

Renda Social: A renda social é unha prestación económica para facer fronte dun xeito digno ao pago de necesidades. As axudas de emerxencia social municipal (AES), son prestacións económicas non periódicas para paliar situacións de urxencia social, fronte a renda social municipal que ten como finalidade modificar situacións de necesidade como apoio a inclusión social425.000 €

Fomento da economía social: A economía social é, ademais dunha fonte de emprego, unha oportunidade para desenvolver actividades productivas dun xeito máis xusto. 46.800€

Transporte metropolitano: Pontevedra deixará de ser único concello galego de máis de 50.000 habitantes que non ten un servizo público de transporte urbano. No canto dun servizo público de transporte urbano, o que existe é unha rede de liñas que dependen de diferentes concesións da Xunta de Galicia. Esta situación impide que os rapaces de ata 19 anos poidan viaxar de balde no transporte metropolitano, unha discriminación respecto a outros concellos do país. 150.000€

Protección animal:  Creación dun servizo de recollida e dun protocolo de atención de animais abandonados, extraviados ou sen dono coñecido e impulso de campañas de sensibilización sobre a protección, coidado e abandono de animais, ou o incremento ano tras ano de animais abandonados. 11.000€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*