Marea Pontevedra estará presente nas xornadas do Parlamento Europeo onde se analizará a xestión dos servizos públicos en diferentes concellos europeos

A concelleira de Marea Pontevedra, Carme Moreira, estará en Bruxelas o día 28 de xuño no evento organizado pola iniciativa REALPE.

A xestión pública dos servizos públicos é un dos temas máis importantes na axenda política de Marea Pontevedra. Desde que o colectivo cidadá entrou na corporación municipal son numerosas as ocasións que defendeu no pleno, e tamén fora do ámbito institucional, a necesidade de que os servizos que garanten dereitos non deben estar suxeitos a intereses empresariais.

A recuperación dun modelo que antepoña os intereses da cidadanía aos intereses do mercado non resulta sinxela, e moito menos na Boa Vila, onde a totalidade dos servizos están xestionados por empresas concesionarias, na maioría multinacionais.

Ante esta situación,  Marea Pontevedra organizou, conxuntamente con En Marea, na cidade unhas xornadas centradas nos servizos públicos, nomeadamente no de abastecemento de auga. Na mesma liña, a iniciativa REALPE organiza o vindeiro xoves un encontro para intercambiar experiencias e coñecemento sobre como recuperar e como garantir a excelencia dos servizos xestionados directamente polas entidades locais.

Programa completo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*