Marea Pontevedra esixirá novamente que os nenos e nenas en situación de exclusión social poidan disfrutar das atraccións nas festas do verán

Marea xa presentou o ano pasado unha moción para que o Concello puxera a disposición das familias con nenas, nenos e adolescentes en risco de exclusión ou de vulnerabilidade social, para as atraccións das festas de Santiaguiño do Burgo e da Virxe Peregrina.

Unha vez aprobada a moción e, ante a falta de orzamento que manifestaba o equipo de goberno, houbo que chegar a un acordo cos feirantes que finalmente doaron as fichas. A xenerosidade dos feirantes, que aportaron unha cifra cercana aos 3000 euros, e a labor da fundación Meniños no reparto e na mediación posibilitaron o cumprimento da proposta de Marea Pontevedra. En total recibíronse 981 fichas, que foron repartidas entre 131 nenos e nenas menores de 17 anos,  pertencentes a 64 unidades familiares e cunha media de 7 fichas por neno e nena.

O colectivo liderado por Luís Rei volverá esixir que todos os nenos e nenas poidan disfrutar das festas do verán na cidade do Lérez. Para este ano 2017, por mor do incremento de familias que padecen unha situación de empobrecemento a estimación do número de menores en situación de risco de exclusión social é de entre 150 e 175 menores.


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A Convención das Nacións Unidas sobre os Dereitos do Neno (CDN) aprobada como tratado internacional o 20 de novembro de 1989, establece no seu artigo 31 “o dereito do neno ao descanso e esparexemento, ó xogo e as actividades recreativas propias da súa idade e a participar libremente na vida cultural e nas artes”. Os Estados asinantes, entre que os que se atopa España, comprométense a “promover o dereito do neno a participar plenamente na vida cultural e artística e propiciar oportunidades apropiadas, en condicións de igualdade, de participar na vida cultural, artística, recreativa e de esparexemento”.

Entidades como Save The Children manifestan que un de cada tres nenos españois viven en risco de exclusión social e baixo limiar da pobreza, é dicir, sen as necesidades básicas cubertas (alimentación, hixiene, vivenda, educación ou sanidade). Cabe pensar, por tanto, que de padeceren estas circunstancias a preocupación por garantirlles o acceso a un ocio educativo e lúdico, que potencie e reforce a súa autoestima non están na lista de prioridades destas familias. Porén, o xogo e o ocio educativo e lúdico están recoñecidos como un dereito das nenas, nenos e adolescentes, básico para o se seu desenvolvemento integral como persoas.

Cómpre sinalar que o cumprimento dos dereitos das infancia é unha responsabilidade compartida por toda sociedade. Por iso o compromiso coa súa educación e coidado (incluíndo o ocio educativo e lúdico) é algo que nos atinxe a todas as persoas e por suposto ás administracións públicas con mais ou menos competencias en materia de infancia.

As actividades positivas do ocio educativo propician ambientes xeradores de estímulos, seguros e de confianza, necesarios para un axeitado crecemento vital: axudan ás nenas, nenos e adolescentes a relacionarse socialmente, a modular a súa conduta, a enfrontarse e adaptarse con flexibilidade e permeabilidade ás experiencias, e a desenvolverse emocionalmente. Como manifesta Peth-Pierce no ano 2000: “un neno social e emocionalmente saudable pode participar completamente nas experiencias de aprendizaxe que lle brinda tanto a familia como o entorno social e formar boas relacións cos coidadores e compañeiros”. Que as nosas nenas, nenos e adolescentes dispoñan de experiencias de ocio educativo positivas e enriquecedoras facilita e incrementa a súa resiliencia (capacidade de sobrepoñerse a períodos de dor emocional e situacións adversas), posto que en idades temperás o ocio educativo é un elemento especialmente reparador en grupos humanos vulnerables.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*