Marea Pontevedra e PROSAGAP apostan por manter o uso sanitario do Hospital Provincial

Luís Rei e Mariquiña Lores mantiveron esta tarde un encontro coas representates sindicais, Carolina Iñarrea e Puri Quinteiro, para cooperar na defensa da sanidade pública de Pontevedra e da súa área sanitaria.

A Sanidade Pública é un dereito do que a cidadanía decidiu dotarse para mellorar a súa calidade de vida e para garantir a asistencia sanitaria. Sen dúbida de ningún tipo é un dos maiores orgullos da nosa sociedade e defendela á unha obriga para os representantes políticos. Porén, a realidade é moi diferente e detrás de moitos discursos agóchase unha realidade preocupante. A asistencia sanitaria leva padecido nos últimos anos unha serie de recortes e privatizacións que limitan a súa calidade, en beneficio das grandes multinacionais e en prexuízo directo das usuarias e das profesionais sanitarias.

Esta preocupación é latente na nosa cidade e Marea Pontevedra considera imprescindible apostar por corrixir esta tendencia. O candidato, Luís Rei, e a radióloga e tamén candidata, Mariquiña Lores, mantiveron esta tarde un encontro co sindicato PROSAGAP, representado por Carolina Iñarrea e Puri Quinteiro, para defender o que é de todas. Na conversa coincidiron na necesidade de reivindicar e conservar o uso sanitario de Hospital Provincial e de rematar co peche de camas no verán, que deixa sen a atención debida a centos, e mesmo milleiros, de persoas que teñen dereito a ela.

Do mesmo xeito, e tal como marca a lei, apoiaron a creación dun Consello de Saúde Municipal para adaptar a atención sanitaria ás necesidades específicas das persoas de Pontevedra, mellorando a saúde e o benestar de todas as veciñas. A saúde é fundamental para cada individuo pero tamén para o conxunto da sociedade e a obriga das administracións é traballar por un sistema sanitario que volva a traballar como nos seus mellores tempos.


Marea Pontevedra rexeitou desde o seu nacemento as intencións da Xunta de Galicia e goberno de Pontevedra de converter a única instalación sanitaria do centro nunha residencia para maiores de finanaciación privada, co banco venezolano Abanca como cabeza visible, pero tamén coa financiación dos grupos de inversión que fan fortuna coa sanidade pública.

O Hospital NON se vende

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*