Marea Pontevedra e Galicia Mellor sen Touradas pídenlle ao concello de Pontevedra que non renove o convenio coa praza de touros

Luís e RubenMarea Pontevedra presentou esta maña aos colectivos animalistas Galicia Mellor sen Touradas e Touradas fora de Pontevedra unha proposición que levará ao próximo pleno para rematar co “contrato de cesión de uso da Praza de Touros para espectaculos non taurinos“ e que é desde todo punto de vista unha subvención encuberta ás touradas.
Na comparecencia conxunta diante dos medios co portavoz de Galicia mellor sen touradas, Rubén Pérez, Luís Rei insistiu en que o BNG de Pontevedra debe ser coherente co que defende o BNG no resto de concellos e a nivel do parlamento galego.
O concello de Pontevedra adquiriu o que xa é o costume de asinar con esa empresa un Contrato de cesión de uso sobre a utilización da Praza de Touros para espectáculos non taurinos (de vixencia anual, o último asinado o 25 de xuño de 2014).
En virtude dese contrato, o concello comprométese a pagarlle á devandita empresa a cantidade de 47.500 euros (IVE engadido), á parte destoutros compromisos igualmente moi vantaxosos para a empresa:
– Correr co importe dos gastos orixinados pola organización dos actos,
– Satisfacer todos os impostos, arbitrios, taxas, contribucións e tributos que graven eses actos (en particular, o canon á Sociedade Xeral de Autores de España e o IVE),
– Entregar á empresa as localidades do Palco (30, destinadas a invitacións para “atencións persoais”),
– Ceder a explotación do servizo de bares e bebidas dos espectáculos que organice o concello, que será por conta, a cargo e beneficio da propiedade da praza.
A empresa, ademais, resérvase o dereito a bloquear, por dereito exclusivo e preferente, as datas da primeira quincena de agosto nas que organiza as corridas de touros da Feira da Peregrina.
Pola súa banda, o concello obtén, se así o solicita, a cesión da praza para actividades nas festividades de Reis, Entroido, Feira Franca, Festas de verán e Ruta Cabalar. Na práctica, o uso principal que o concello lle está dando ao coso pontevedrés é nunha pequena parte do programa da Feira Franca.
MAREA PONTEVEDRA entende que este contrato é, en realidade, unha subvención encuberta,e en condicións moi favorables para a empresa, das corridas de touros, un espectáculo por cuxa desaparición avoga boa parte da opinión pública e, por suposto, tamén a propia MAREA.
MAREA PONTEVEDRA entende tamén que a única xustificación posible para o gasto que ese contrato lle reporta ao concello é a cesión da praza; unha cesión, por certo, que non é imprescindible para ningunha das finalidades aducidas. No caso da Feira Franca, Luís Rei, recordou que “feiras medievais hai moitas na xeografía galega, e gran parte delas inclúen espectáculos con animais, porén, en ningún outro lugar de Galicia dispoñen dunha praza de touros. É dicir, a eses espectáculos podería buscárselle tamén en Pontevedra un emprazamento alternativo (e mesmo máis próximo ao centro urbano).”
Para Marea Pontevedra non pode existir máis escusas. O contrato de cesión de uso formalizado entre o concello de Pontevedra e a praza de touros é unha subvención encuberta de 47.500 € anuais, ademais dos beneficios da xestión da cantina da praza de touros nos actos non taurinos. Ademais o contrato actual xa rematou (asinado o 25 de xuño de 2014 con vixencia para o ano en vigor). O de 2015 non esta aínda asinado.
A proposición da Marea conten tres puntos:
1. Non volver a subscribir o denominado Contrato de cesión de uso sobre a utilización da Praza de Touros para espectáculos non taurinos.
2. Iniciar os trámites administrativos para a suspensión do mesmo.
3. Declarar o de Pontevedra “concello amigo dos animais”, e adquirir o compromiso de non subvencionar nin directa nin indirectamente ningún tipo de espectáculos que supoñan maltrato animal.
Segundo lembrou Luís Rei “o BNG ten moi fácil rematar con esta infamia, sumando os seus votos aos da Marea no próximo pleno e non renovando un contrato hoxe aínda sen asinar para o presente ano”.
Grupos fanáticos que educan no maltrato animal a menores
O portavoz de Galicia Mellor sen Touradas, colectivo que representa a 200.000 doantes, incidiu na necesidade de avanzar na cultura do respecto aos animais e considera un problema que menores de idade poidan esta a ser educados por grupos fanáticos no maltrato animal.
Despois de recoñecer que se ten avanzado moito no tema entre os dirixentes políticos non se explica porque o alcalde de Pontevedra negase a recibilos desde hai anos, namentres que noutras localidades e a nivel nacional o BNG colabora na causa da defensa dos touros.
Rubén Pérez tamén destacou que as subvencións da deputación de Pontevedra son claves para manter as corridas e espera que o novo goberno bipartito PSOE-BNG adquira compromisos concretos en eliminar as subvencións para unha actividade que sen subvencións non se mantería por minoritaria.

Convenio toros 1 Convenio toros 2 Convenio toros 3

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*