Marea Pontevedra continúa a súa rolda coas CM e AAVV en Salcedo compartindo traballo e propostas para mellorar o noso rural

A traxedia de Portugal podería suceder en calquera momento en Galicia e a cidade do Lérez non é ningunha excepción. A moción, sobre ordeamento forestal e prevención de lumes, foi rexeitada no pleno de maio cos votos en contra do goberno e a abstención do PSdG.

O colectivo liderado por Luís Rei mantivo onte unha xuntanza en Salcedo coas Comunidades de Montes e as asociacións veciñais de Salcedo, Canicouva, Ponte Sampaio, Lourizán, Marcón e Campañó para compartir o traballo realizado en materia de mellora do noso monte e para intentar evitar que este ano sucedan esceas como as dos anos anteriores, onde as lapas fixeron estragos e incluso estiveron preto de afectar ás vivendas.

No verán de 2016 moitas familias das parroquias do rural pontevedrés viron as súas vivendas ameazadas polas lapas. Os incendios forestais máis graves chegaron a arrasar preto de 320 hectáreas en Ponte Sampaio, 70 hectáreas en Bora e outras 30 en Lérez e Verducido. Co motivo do inicio da “tempada de incendios” que cada ano estraga milleiros de hectáreas forestais de Galicia, Marea Pontevedra presentou no pleno de maio unha moción para que estas situacións non volvan a ser a principal nova do verán nun rural ameazado polo lume. A moción foi rexeitada polos votos en contra do BNG e a abstención do PSdG.

Luís Rei  lembrou que deberíamos cambiar de política forestal se non queremos que esceas tan duras como as de Portugal sexan un triste costume:

Vai vir un verán con riscos de lumes, pola climatoloxía do inverno e que ‘non pode haber política que axude a fixar poboación no rural sen garantir unhas mínimas condicións de seguridade. O Concello de Pontevedra ten 7.091 hectáreas de masa forestal, o 62,5 por cento do total, e non lle queda outra que dar resposta a iso.


PROPOSTA DE MAREA PONTEVEDRA

  • Instar a Xunta de Goberno Local (XGL) á realización dunha inspección urxente do estado das redes primarias de faixas de xestión de biomasa en todo o municipio e requirir, coa maior brevidade, das administracións responsables o cumprimento dos parámetros definidos na Lei de montes de Galicia e mais na Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
  • Instar a XGL á elaboración e tramitación urxente dun Plan de prevención de incendios forestais que conteña as accións máis necesarias (silvícolas, organizativas, informativas, educativas ou de calquera outra índole), na loita contra os incendios forestais. En todo caso, abranguerá as pistas, camiños, estradas e montes de titularidade municipal e a definición das redes de faixas secundarias. Incluirá, tamén, unha ordenanza que limite expresamente as plantacións máis combustibles, con referencia especial ao eucalipto.
  • Instar a XGL a poñer en marcha unha Liña de axudas para a transformación das contornas de casas e núcleos rurais da totalidade do concello. Habilitarase unha franxa mínima de 50 metros desde as vivendas, ao longo dun trienio, que incluirá plantacións que sirvan de barreira fronte ao lume, iniciativas gandeiras silvopastorís ou cultivos agroforestais harmónicos que, asemade, farán de barreira de protección contra o lume.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*