Marea Pontevedra comprométese a dotar dunha sede definitiva á Policía Local que remate coa súa precariedade laboral

Luís Rei e Tere Casal visitaron as instalación do Pazo de Cultura e mantiveron un encontro esta mañá cos delegados sindicais do Corpo Local de Policía.

Que a situación da Policía Local de Pontevedra non é a recomendable é algo evidente, tan evidente como que levan case 20 anos nunha sede provisional situada nos sótanos do Pazo da Cultura. O edificio non se adapta, nin moito menos,  as necesidades básicas para que poidan facer o seu traballo con dignidade. En certo modo pódese dicir iso de que se a Policía Local funciona correctamente é unicamente pola profesionalidade dos axentes e a pesar do Bloque de Lores.

Esta mañá, Luís Rei e Tere Casal visitaron as instalacións da man dos delegados sindicais e comprobaron as duras condicións coas que conviven a diario. As oficinas están situadas en corredores e a altura é, en moitos casos, inferior a das persoas que nelas traballan e o ximnasio está formado por dúas máquinas nunha sala sen ventilación. Ademais todas as instalacións teñen unha alta temperatura  e condicións de humidade procedentes das filtracións de auga.

O voceiro de Marea Pontevedra comprometeuse coas traballadoras en garantir unhas condicións de traballo dignas: ‘Marea Pontevedra facilitará o traballo da Policía Local e comprométese no vindeiro mandato a habilitar unha sede definitiva que remate coa precariedade laboral que padecen actualmente’.

Ademais do lugar de traballo tamén preocupa a continua tensión laboral que existe no centro de traballo. Deste xeito Antonio Millares sinalaba as diferencias de trato cos responsables locais desde que o colectivo policial comezou a esixir os seus dereitos: ‘Pasamos en menos de 3 anos de ser a mellor Policía Local de Galicia a ser a peor. Nin antes eramos tan espléndidos nin agora somos o que eles din’.

Tanto Marea Pontevedra como os representantes policiais agardan que a nova maioría que elixan os pontevedreses e as pontevedresas en maio sexa capaz de resolver a situación crítica do colectivo, algo que ‘pasa polo diálogo, o respecto e por boa xestión’ segundo Luís Rei e por ‘deixarse de presumir tanto da cidade e centrarse en facer o traballo que teñen que facer’ segundo Millares.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*