Marea Pontevedra comparte o seu programa cos responsables comarcais da UXT

O  encontro forma parte da rolda de contactos que o colectivo cidadá mantén co tecido social e económico de Pontevedra.

A menos dunha semana do primeiro de maio, onde a rúa será testemuña das xustas reivindicacións da clase traballadora, Marea está realizando unha ‘xira’ cos diferentes sindicatos, onde, ao mesmo tempo de escoitar as demandas dos representantes laborais, presentan as medidas que axudarán a construír unha Pontevedra que remate coas altas taxas de desemprego e precarización laboral.

O candidato, Luís Rei, acompañado das tamén candidatas Tere Casal e Peque González, presentou onte  ante o Secretario Xeral da Unión Comarcal, Ramón Vidal, e os responsables comarcais sectoriais da UXT o Plan de Emprego Xuvenil que Marea introduciu no orzamento de 2019 do Concello de Pontevedra.

Luís Rei subliñou a necesidade dunha colaboración máis estreita entre as traballadoras, a través das súas representantes, e as institucións públicas e as representantes políticas e tamén de revitalizar o Consello Económico Social e de aumentar o corpo de traballadoras do Concello, cumprindo deste xeito coas taxas de reposición precisas para un correcto funcionamento da administración máis próxima a cidadanía.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*