Marea Pontevedra axudará a cambiar o “corazón de pedra” por un corazón xusto.

Luís Rei: Grazas a creación da Renda Social Municipal, Pontevedra deixará de ser a única capital de provincia presente nesta lista negra.

O comezo de ano deixou un novo premio para o Concello de Pontevedra. Trátase do “corazón de pedra” que recoñece as institucións e persoas con maior insensibilidade social. O “galardón”, outorgado pola Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais, evidencia a necesidade dun xiro social das políticas da cidade do Lérez.

O voceiro de Marea Pontevedra, Luís Rei, lamentou esta realidade aínda afirma non causarlle ningunha sorpresa: Pontevedra leva décadas esquecéndose das persoas e familias que peor o están pasando. Ao tradicional concepto de pobreza engádense agora as novas pobrezas, persoas que aínda tendo traballo atopan dificultades para cubrir as necesidades básicas do día a día.Non podemos deixar a ninguén atrás.

Marea Pontevedra defendeu sempre a necesidade de dotar ao Concello de políticas sociais e, principalmente, dunha Renda Social Municipal, que despois dun intenso debate foron integradas no Orzamento Municipal para este 2017: Mentres padezamos unha situación que aboca a vivir na pobreza ou na exclusión o 23,91 por cento dos veciños, o Concello, como casa pública máis próxima, non pode mirar para outro lado, apuntou Rei.

Marea Pontevedra agarda que medidas como a Renda Social Municipal, o estudo das potencialidades da economía social e o seu fomento melloren a calidade de vida dos veciños e veciñas de Pontevedra e permitan que o Concello desapareza desta nada prestixiosa lista, onde figura como a única capital de provincia coa pobre cifra de 34,82€ en gasto social por habitante.

Por unha Pontevedra Xusta.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*