Marea Pontevedra asume a petición de SOS Sanidade Pública para retirar o anteproxecto de reforma da Lei Galega de Saúde do ano 2008

Marea Pontevedra defenderá no pleno do 22 de decembro a moción elaborada pola Plataforma SOS Sanidade Pública que solicita a retirada do anteproxecto de reforma da Lei Galega de Saúde.

A demanda súmase a unha axenda política que xa recolle a ampliación con fondos públicos e xestión pública do Hospital de Montecelo e o uso exclusivamente sanitario do Hospital Provincial de Pontevedra.


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O pasado mes de agosto, o Goberno da Xunta de Galicia iniciou un proceso de Reforma da Lei Galega de Saúde do ano 2008. A publicación do anteproxecto aberto a consultas públicas xa provocou as alarmas entre o sector sanitario, ao considerar que, entre outras cuestións, vai supor un novo recorte e unha maior precarizacíón do sistema público de saúde.

En primeiro lugar, esta proposta de reforma limita, facendo inviable, a participación social. Concretamente, modifica a configuración dos órganos de participación social, que, na súa configuración actual, terían permitido realizar funcións esenciais de información previa á aprobación e posterior control das decisións de política sanitaria. Coa modificación do artigo 23 limitan o acceso á información e á documentación existente, co que se condiciona calquera capacidade de control.

A non posta en marcha dós órganos de participación cidadá da Lei de Saúde do 2008, tanto do Consello de Saúde de Galicia como dos Consellos de Saúde de Área, confirma o anterior, xa que o novo artigo 24 introduce modificacións, tanto na súa composición como nas súas funcións, que fan inviable calquera control previo á aprobación ou posterior á execución do Plan de Saúde, contratos de servizos sanitarios, concertos, programas de subvencións, Memoria anual, proxectos de Orzamentos, prestacións e carteira de servizos.

Asemade, os novos artigos  25 e 26, que modifican o Consello de Saúde de Área e crean o Consello asesor de pacientes, deixan pendente de regular a súa composición e funcionamento en normas posteriores.

En segundo lugar, reduce as áreas sanitarias e consolida a exclusión da Atención Primaria. A modificación da lei adapta as Áreas Sanitarias ás actuais Estruturas organizativas de Xestión Integrada (EOXIS), que creou o goberno do PP, ao tempo que anulaba as Xerencias de Atención Primaria (AP). Deste xeito, preténdese eliminar as áreas sanitarias de A Mariña, Monforte, O Barco e o Salnés, deixando como únicas áreas sanitarias as 7 demarcacións coincidentes coas EOXIS (Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Lugo, Pontevedra, Ourense e Vigo).

Paralelamente, coa modificación do artigo 69 crease un novo ámbito territorial, os distritos sanitarios, cada un deles cun Hospital de referencia; os sete comarcais, os 4 das áreas suprimidas (A Mariña, Monforte, O Barco e O Salnés), e os 3 que non sendo área anteriormente contan cun hospital comarcal de referencia (Cee, Barbanza e Verín); e os 7 coincidentes coas cabeceiras das EOXIS (A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Pontevedra, Ourense e Vigo).

O artigo 69 di que:  “Os distritos sanitarios son divisións territoriais das áreas sanitarias e constitúen o marco de referencia de coordinación dos dispositivos de atención primaria, hospitalaria e sociosanitaria”.

Porén, esta reforma nada apunta en relación á recuperación das estruturas directivas de Atención Primaria, unha demanda unánime do persoal traballador de Atención Primaria. Tampouco se di nada da estrutura dos órganos directivos das Áreas nin dos distritos.

Esta situación obriga a atender unha media de entre 40 e 50 pacientes ao dia, o que repercute na calidade da atención e na capacidade resolutiva, e obriga a enviar de xeito innecesario a moitos/as pacientes ao hospital, colapsando as urxencias e incrementando as listas de espera. En algúns Centros de Saúde, a espera para acudir a consulta chega a superar a semana, algo inadmisible no primeiro nivel asistencial.

En terceiro lugar, consolida o modelo privatizador de coñecemento, posto en marcha coa creación da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde. Así, o capítulo da nova Lei de saúde dedicado á investigación muda dun xeito significativo de nome: do inicial “Da investigación biomédica no Sistema Público de Saúde de Galicia” ao modificado “Da investigación e a innovación no Sistema Público de Saúde de Galicia”. Asemade, omítense as referencias ás prioridades marcadas polo “Plan galego de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica”, e introduce unha referencia as prioridades marcadas polos plans de investigación vixentes en cada momento  -sen aclarar que plans e que papel xoga neles a sanidade pública e a industria privada-, pretendendo así lexitimar o modelo privatizador do coñecemento, posto en marcha coa creación da Axencia galega para a xestión do coñecemento en saúde. Por todo o exposto, formúlase a seguinte

 PROPOSICIÓN

1.- Instar á Xunta de Galicia a que retire o anteproxecto de reforma da Lei Galega de Saúde, que perpetua as estruturas de xestión integrada.

2.- Restitúa as xerencias de atención primaria e que as dote de medios e recursos para reforzar a súa capacidade de resolución.

3.- Que co consenso de todas as forzas políticas, sindicais e sociais, desenvolva a Lei Galega de Saúde do ano 2008.

Ver moción

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*