A xestión pública dos nosos servizos terá que agardar pola negativa de PP e BNG

Marea lamenta que o PP e o BNG impedisen o inicio do proceso de  remunicipalización da auga

Luís Rei: “O BNG debería explicar cales son os motivos polos que se nega á rescatar a xestión dos servizos privatizados”

No pleno do mes de setembro (xoves, 29/09/2016), Marea Pontevedra, no seu compromiso na defensa do público, como fórmula menos custosa e máis eficaz para os servizos á veciñanza, presentou dúas mocións instando ao inicio dos trámites para recuperar a xestión directa dos servizos de recollida de lixo  e de abastecemento de augas no concello.

Trátase de dúas concesións que rematan en 2017, polo que é o momento oportuno para iniciar os trámites que conduzan a recuperar a súa xestión directa,  xa que o seu rescate non implicaría que o concello tivese que facer fronte a indemnizacións.

Para Marea Pontevedra o pleno de setembro serviu para retratar as posicións de cada quen. Ao votar en contra da remunicipalización da recollida do lixo e do abastecemento da auga, o BNG situouse claramente nas posicións máis neoliberais. Por fortuna, no caso do lixo non puido cos seus votos impedir a aposta do pleno polo rescate da xestión, e soamente “a pinza” coa dereita impediu que poida estudarse a volta ao sector público tamén do abastecemento da auga.

Resulta ben sorprendente a posición do BNG. Na teoría (nos seus programas e ofertas electorais), está a favor da recuperación da xestión pública, mais na práctica (cando exerce o goberno, como en Pontevedra), négase a aplicar ese principio. Non outra cousa que unha enorme contradición é manifestar unha oposición frontal á xestión externalizada de hospitais como o Álvaro Cunqueiro, xa en funcionamento en Vigo, ou o proxectado para Monte Carrasco, finalmente paralizado pola mobilización popular, e ao mesmo tempo copiar na única cidade onde gobernan o modelo de xestión privatizada que defende a dereita. MAREA non entende a magnitude dos intereses que hai en xogo para que o goberno local traizoe dun xeito tan evidente os seus postulados.

A xestión indirecta de servizos supón máis dun 20 por cento do orzamento anual do Concello de Pontevedra. O voceiro de MAREA PONTEVEDRA, Luís Rei, lembrou que, ante a mesma situación (remate do contrato en 2017), o partido nacionalista defende no concello de Marín que o servizo sexa proporcionado directamente polo ente municipal. Segundo Luís Rei, “o BNG debería explicar cales son os motivos polos que se nega á rescatar a xestión dos servizos privatizados en Pontevedra”.

Para o voceiro da MAREA “é toda unha declaración de principios que o concelleiro do BNG, César Mosquera, afirme que a opción máis favorable é a xestión privada”.

Luís Rei lembrou que o BNG fala de volver a licitar, en 2017, o abastecemento de  auga por vinte anos, un período de tempo que criticou cando foi o establecido no contrato que, en 1997, deixou asinado o predecesor de Fernández Lores na alcaldía. Por certo, como voceiro do BNG na oposición, Lores manifestou daquela, fronte á opción de outorgarlle a concesión a Aquagest, a preferencia do seu grupo por Ferrovial.

Agora, cando o contrato xa foi denunciado e se presenta a oportunidade de  poñerlle fin á externalización a custo cero, “quizais lle correspondería ao grupo de goberno explicar por que ten tanto interese en manter estes e os demais servizos privatizados”, insistiu Luís Rei.

A respecto da recollida de lixo, sorprende que o BNG queira incluír no contrato da concesión a partir de 2017 tamén a compostaxe, que dese xeito iría ligada á xestión privada. MAREA PONTEVEDRA tamén aposta claramente pola compostaxe, como un xeito máis ecolóxico de tratamento dos residuos que o actual, que consiste en incineralos practicamente na súa totalidade, mais entende que ese modelo só pode perdurar no tempo se detrás non hai intereses empresarias, polo cal a xestión pública é aínda máis decisiva.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*