Marea Pontevedra aposta por prorrogar tres anos o contrato do lixo para avanzar na súa remunicipalización no vindeiro mandato municipal

O colectivo liderado por Luís Rei insiste nunha prórroga de tres anos que deixe á vindeira corporación municipal a posibilidade de remunicipalizar este servizo.

O actual contrato de xestión indirecta, coa empresa Cespa Ingeniería Urbana, do servizo de recollida de lixo remata a súa vixencia, tras unha segunda prórroga de tres anos, o 9 de xuño de 2017. O Grupo Municipal de Marea Pontevedra presentou ante o pleno do Concello, en xullo de 2016, unha proposición instando á Xunta de Goberno Local a resolver ese contrato na súa data de finalización e a estudar no tempo intermedio a viabilidade de rescatar a xestión do servizo, co propósito de asumila directamente. Esa proposición contou co voto favorable da maioría da corporación, aínda que o grupo que sustenta o goberno votou en contra e anunciou que non a tería en consideración.

Permítelle actuar dese xeito a Lei 57/2003 de 16 de decembro, de Medidas para a modernización do goberno local, que modificou a Lei 7/1985 de 2 de abril, Reguladora de Bases de Réxime Local. Entre os engadidos de 2003 está o seu Título X, de  “Réxime de organización dos municipios de gran poboación”, que no artigo 121 inclúe no seu ámbito de aplicación as capitais de provincia (é dicir, tamén Pontevedra). Ademais, no artigo 127, entre as atribucións da Xunta de Goberno Local, establece as contratacións e concesións.

Esa atribución xa a fixo valer a Xunta de Goberno no caso da concesión do servizo de abastecemento de auga e saneamento, que rematou o 28 de febreiro de 2017 tras 20 anos dunha vixencia que ao BNG (daquela na oposición) lle parecía excesiva en 1997, cando o alcalde Juan Luis Pedrosa asinou o correspondente contrato con Aquagest (logo Viaqua). Agora, en cambio, o portavoz do goberno anunciou que os pregos de licitación do novo contrato de auga van establecer esa mesma duración de vinte anos, que limita en extremo a capacidade de manobra nese terreo de ata cinco novas corporacións municipais.

Ante a posibilidade de que ese sexa o modelo que a Xunta de Goberno estea valorando seguir coa concesión da recollida do lixo, non parece razoable desbotar a opción de ir a unha terceira prórroga de duración igual ou similar ás dúas anteriores de tres aos; algo para o que o actual contrato dá marxe. Deste xeito, o voceiro de Marea Pontevedra, Luís Rei, defendeu as vantaxes de prorrogar durante un tempo limitado que permita marxe de manobra a vindeira corporación municipal: “Tería a dupla vantaxe de que a Xunta de Goberno non renunciaría neste momento ás súas prerrogativas e, asemade, non estaría dificultando ata convertelo en case inviable o rescate do servizo que puidesen querer afrontar novas maiorías que poidan darse no seo da vindeira corporación municipal de Pontevedra”. Tamén quixo lembrar ao goberno que aínda poden cambiar de parecer e apoiar unha prórroga que non limite a capacidade de actuación no seguinte mandato: “Claro que aínda están a tempo de cambiar de postura e favorecer a remunicipalización. Nós seguiremos traballando para convencer a corporación e ao goberno dos beneficios de avanzar cara a xestión directa dos servizos públicos.  

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*