Marea Pontevedra apoia as demandas do alumnado do CFEA de Lourizán

O alumnado do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Lourizán levan meses denunciando a situación de precariedade que sufren a diario, tanto nas instalacións do centro como nos medios humanos e materiais necesarios para a súa formación.

Trátase dun centro que depende tanto da Consellería de Medio Rural como da Consellería de Educación o que dificulta a petición de responsabilidades. Un dos alumnos, exercendo de portavoz, denunciaba ante os medios unha ausencia de máis de dous meses do persoal administrativo e dos monitores, por falta de reposición do persoal de baixa ou por finalización e non renovación dos contratos. Outra das queixas trata dos veículos necesarios para facer as prácticas, pois non cumpren as condicións de seguridade, nin tan sequera pasan a ITV. Por se isto fose pouco tampouco contan con material informático e tamén teñen problemas na residencia por falta de calefacción.

Desde Marea Pontevedra apoiamos ao alumnado nestas queixas e solicitamos ás Consellerías responsables do centro que tomen as medidas necesarias para que poidan levar a cabo os seus estudos e traballos nunhas condicións decentes. Tamén para poñer, desde o sector público, en valor o Pazo de Montero Ríos e os seus xardíns, que configuran un espazo natural único.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*