Marea Pontevedra anima a apoiar a manifestación antitaurina e esixe que o concello deixe de ser o ‘colaborador necesario’ para que este espectáculo se manteña na cidade

Luís Rei considera a presenza de menores nas corridas da Peregrina un elemento máis da degradación cultural de suposta ‘festa nacional’

Máis un ano, Pontevedra segue facendo “honor” á súa triste condición de “capital taurina de Galicia”, coa colaboración necesaria do goberno de Lores.

Lucrándose dunha actividade que, de momento, aínda é legal, e empresa da praza de touros celebrou a primeira corrida da Feira  da Peregrina de 2018. Volveu contar ademais coa xa tradicional achega económica dun concello (máis de 800.000 euros desde a chegada do BNG á alcaldía) que se declara antitaurino, pero só retoricamente.

Tras a entrada en vigor de nova Lei de Espectáculos, a Marea Pontevedra preocúpalle o posible incumprimento da prohibición de acceso  ao coso de San Roque de menores de 12 anos. Correspóndelle ao Concello e á Subdelegación do Goberno velar porque iso sexa así, pero ante algunhas imaxes reproducidas na prensa asáltanos a sospeita de que no control duns e doutros non houbo o celo requirido. Marea Pontevedra tampouco considera moi edificante a presenza do Conselleiro de Xustiza da Xunta de Galicia ou da presidenta do Congreso dos Deputados nun ‘espectáculo’ destas características.

En todo caso, alén da idade legal, a presenza de menores de idade nas corridas da Peregrina ven amosar para o portavoz de Marea Pontevedra, Luís Rei, “o grao da degradación cultural ao que chegou a suposta ‘festa nacional’”.

Un motivo máis para que a manifestación abolicionista deste sábado sume esta vez aínda máis xente contraria á tortura pública de animais… E así ata que, con Marea Pontevedra no seu goberno, o Concello remate cunha subvención que nos segue avergoñando a cantos vivimos en Pontevedra.

Foto: Diego Torrado (PontevedraViva)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*