Marea Pontevedra amosa o seu apoio ás peticións dos técnicos de emerxencias sanitarias

A asociación de Técnicos de Emerxencias Sanitarias (ASGATE) solicita a incorporación dunha nova ambulancia asistencial para Pontevedra e a súa zona sanitaria para poder cumprir os tempos de reposta adecuados e non poñer en risco as usuarias con patoloxías graves.

Marea Pontevedra apoia aos traballadores e traballadoras nestas peticións, ademais de solicitar o rescate da xestión do transporte sanitario na vindeira finalización do contrato.

O servizo de ambulancias non pode garantir o seu correcto funcionamento unicamente con dúas ambulancias asistenciais e unha medicalizada para a zona sanitaria de Pontevedra. As dúas asistenciais xa están sobrecargadas (uns 5000 servizos cada unha ao ano) e o problema aumenta coa dinámica ascendente do número de saídas (entre 200 e 250 máis cada ano), tendo que  desprazarse ambulancias de fora da área sanitaria para facer servizos e poder cumprir as necesidades da zona.

Para Asgate a ambulancia de apoio non pode ser solución cando non conta con recursos materiais nin humanos suficientes”  e solicitan “dotacións completas con ambulancias oficiais” que conten con dous TES (Técnicos en Emerxencias Sanitarias) para garantir a calidade asistencial e a seguridade das traballadoras e traballadores.

O goberno de Feijóo adxudicou o Servizo de ambulancias a unha UTE da empresa Valenciana Ambulevante SA (Ambuibérica) por un precio previamente estipulado de 59 millóns de euros anuais, quedando calquera aforro en efectivos e persoal na conta de beneficios da concesionaria. Esta empresa foi beneficiada co “superconcurso” do SERGAS en detrimento das empresas galegas, a pesar de estar inmersa en varios procesos xudiciais. As propias empresas do sector denunciaron que a Xunta deseñou un concurso a medida para favorecer a Ambuibérica, que xa en Valencia foi  cuestionada pola Comunidade Europea por tratos de favor.

Marea Pontevedra apoia aos traballadores e traballadoras nestas peticións e solicita o rescate da xestión do transporte sanitario na vindeira finalización do contrato.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*