Marea Pontevedra advirte que xa son tres os xulgados que teñen abertas investigacións co Concello de Pontevedra como protagonista

jpgO portavoz da Marea Pontevedra, Luís Rei, compareceu hoxe en conferencia de prensa para valorar o rexistro de máis de 10 horas que a titular do xulgado número 1 de lugo ordenou onte no concello.
O portavoz da Marea comezou a mesma afirmando que “sabemos que moitas das investigacións xudiciais que se inician acaban sendo arquivadas, e ese pode ser tamén o caso desta nova incursión nos papeis do concello de Pontevedra.”
Con todo, para Luís Rei non é unha actuación anecdótica pois en pouco tempo o Concello de Pontevedra está a ser investigado por posibles actuacións delictivas en tres asuntos diferentes.
Para Luís Rei o feito de que “mentres tres furgonetas saían do concello cargadas de documentación, o señor Legísima dixo que o goberno municipal asiste a todo isto tranquilo, o cal a nós tamén tranquilízanos.”
En todo caso o portavoz da Marea non deixou pasar a oportunidade para insistir en tres piares do ideario de Marea Pontevedra:
1º. Non é saudable eternizarse nos cargos públicos. Non o é no caso dos partidos, e non o é, sobre todo, cando as que se eternizan son as mesmas persoas. Marea fixa un límite de dous mandatos, e o Bloque ponse tres (agás cando lles parece oportuno saltalo: Pontevedra, Poio, Allariz…)
2º. Non están demostradas as bondades de privatizar os servizos máis custosos (auga, lixo, xardíns…) mediante contratos dos concellos con grandes compañías. O servizo aos cidadáns non mellora e case todos os casos de corrupción derivan de aí. Marea quere remunicipalizar a auga e o lixo, cuxos contratos rematan en 2017.
3º. Non se pode seguir desoíndo o clamor de transparencia. De aí nace a nosa petición dunha auditoría das contas do concello. E a proba de que non andabamos moi descamiñados, cando a reclamamos en solitario, é que agora chega a mellor das auditorías externas posible: a través dun xulgado.
Para Marea Pontevedra o que está a pasar son feitos moi graves, pois a imaxe que ofrece o concello fora de Pontevedra non se contrarresta con moitos premios que o alcalde recolla.
Ademais tampouco se pode achacar a unha xenreira persoal de determinada xuíza contra o goberno de Pontevedra, porque tal como lembrou Luís Rei, “son tres os xulgados que teñen abertas investigacións contra o goberno municipal: o número 7 de Vigo no caso Patos, o xulgado número 2 de Pontevedra no caso Elsamex admitido a trámite, e por último este vinculado á operación Pokemon do xulgado número 1 de Lugo.”
Marea Pontevedra cre que a combinación, como no caso de Pontevedra, de falla de transparencia, privatización de servizos e eternización nos cargos son un caldo de cultivo perfecto para situacións non desexables.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*