Marea Pontevedra abre o proceso democrático de elección da súa candidatura municipal

A Asemblea de Marea Pontevedra aprobou poñer en marcha o proceso de elección democrático e participado da súa candidatura municipal. Tal como xa ocorreu nas eleccións de 2015, o colectivo cidadá volverá a apostar polas primarias abertas como formula para elixir a súa candidatura para as municipais do 2019. O regulamento de primarias de Marea Pontevedra servirá de marco para o desenvolvemento do proceso electoral.

A asemblea de Marea Pontevedra decidiu dividir o proceso electoral en dúas fases. Unha primeira, que se celebrará o primeiro trimestre de 2018,  elixirá a persoa que encabece a lista. A segunda, no cuarto trimestre de 2018, escollerá ao resto da candidatura. Con esta decisión Marea Pontevedra terá un rostro definido un ano antes das municipais nas que se marca como obxectivo ser a forza de goberno de progreso que precisa Pontevedra.

Cabe lembrar que o actual voceiro de Marea Pontevedra, Luís Rei, xa anunciou hai unhas semanas a súa vontade de presentarse a estas eleccións para darlle continuidade ao traballo feito durante estes tres anos.

Marea Pontevedra foi a única forza que nas pasadas eleccións elixiu a totalidade da lista en primarias e pretende seguir marcando o camiño no campo da rexeneración  democrática. De feito para ser candidato ou candidata simplemente é preciso darse de alta no censo de Marea Pontevedra, que neste momento se aproxima ás 400 persoas, e ter o aval de 10 membros. A asemblea de Marea Pontevedra elixiu asemade a comisión electoral encargada de dirixir as tarefas técnicas, fixar o calendario concreto e arbitrar en posibles dúbidas que poidan xurdir no proceso.

Regulamento de primarias de Marea Pontevedra

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*