Marea Pontevedra aborda o novo curso cun relevo ‘natural’ e o obxectivo de converterse en forza de goberno

A nova coordinadora, Peque González, en compañía do voceiro municipal, Luís Rei e o excoordinador, Xoán Hermida, atenderon aos medios para detallar as claves da formación para o novo curso político.

Marea Pontevedra vén de facer públicas as súas intencións para o novo curso político que comeza. O colectivo liderado por Luís Rei presentou ante os medios a nova organización da formación e as claves da futura actividade institucional coa intención de converterse en forza de goberno no ano 2019.

Xoán Hermida fixo un balance da súa actividade nos últimos tres anos: Síntome moi orgulloso do meu papel neste periodo, especialmente de ‘ter apoiado a Luís Rei como voceiro de Marea no Concello de Pontevedra e a Luís Villares como voceiro de En Marea no Parlamento de Galicia’. Así quixo despexar todas as dúbidas sobre o seu relevo na coordinación amosando todo o seu apoio a Peque González: Podería alegar motivos persoais para unha dimisión que non é tal, moi propio da vella política, ou de diferenzas políticas para un cese que non existiu. O relevo na coordinación de Marea Pontevedra prodúcese como un proceso natural para axustar o traballo colectivo’. ‘Con Peque González a marea non pode quedar en mellores mans’, engadiu.

Peque González afirmou sentirse orgullosa, despois de ser escollida por unanimidade, pola confianza depositada por parte dos membros da coordinadora da agrupación: É un reto ilusionante que produciría moita máis vertixe de non contar co capital humano das activistas de Marea Pontevedra. Así mesmo presentou o novo equipo no que estará integrado un novo traballador resultante dun proceso aberto de selección de persoal: Foi un proceso que superou todas as expectativas de participación. Non deixa de ser un exemplo de cómo queremos facer as cousas.

Por último, o voceiro de Marea Pontevedra, Luís Rei, esbozou as principais iniciativas políticas coas que afrontan o último curso antes das eleccións municipais: Imos centrar a nosa actividade na rexeneración democrática do Concello de Pontevedra, comezando pola reforma do regulamento de participación cidadá que data do ano 1997. Na mesma liña apuntalou a intención de que a sesión plenaria poida desenvolverse nas diferentes parroquias do Concello de Pontevedra.

En canto a carreira electoral deixou claro que Marea Pontevedra non renuncia a nada nas eleccións do ano 2019: Desde a das municipais, houbo outras tres citas coas urnas. A Marea estivo nas tres por riba do 20 por cento dos votos, como segunda forza, tras a dereita; e, en moitas mesas, como primeira. O noso desafío é sermos quen de manter e mellorar iso de aquí a 2019.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*