Marea leva a voz da veciñanza ao Pleno do Concello de Pontevedra

O colectivo cidadá engade unha moción, a petición da veciñanza de Lourizán, para protexer a Praia dos Praceres, á presentada a semana pasada en defensa das demandas da Coordinadora de Afectadas pola A-57.

Marea Pontevedra defenderá no pleno deste venres dúas demandas veciñais para paralizar dúas actuacións inxustas e carentes de racionalidade, como é o caso da construción da autovía, que non circunvalación, A-57 e a ampliación da depuradora dos Praceres.

A)EN CONTRA DA AMPLIACIÓN DA DEPURADORA DOS PRACERES

Na Sesión plenaria ordinaria de 9 de outubro de 2018 aprobouse por unanimidade a declaración conxunta na que o Pleno do Concello rexeita a ampliación da actual EDAR dos Praceres e esixe das administracións competentes a exclusión, no Plan de saneamento da Ría de Pontevedra, de calquera proposta que contemple a indicada ampliación. No segundo punto, obriga a remitir o acordo á Xunta de Galicia e ao Ministerio de Transición Ecolóxica.

Na Sesión plenaria ordinaria de 14 de decembro de 2018 aprobouse por maioría a moción presentada pola Plataforma Non Á Ampliación da Depuradora dos Praceres na que o Pleno do Concello rexeita o anteproxecto de emisario submarino presentado pola Xunta de Galicia. No segundo punto, obriga a remitir o acordo á Xunta de Galicia e ao Ministerio de Transición Ecolóxica.

A Xunta de Galicia pospuxo a ampliación da EDAR dos Praceres a 2023, sen renunciar a ela, e prosegue co proxecto do novo emisario submarino, que ten intención de executar este ano. A Xunta de Galicia ignora os acordos plenarios do Concello de Pontevedra.

O Goberno de España a través do Delegado de Goberno en Galicia declarou a necesidade de realizar un estudo integral do saneamento da Ría de Pontevedra e de establecer un diálogo no que se implicarían o Ministerio para la Transición Ecolóxica e a Subdelegación de Goberno.

Por outra banda, a Xunta de Galicia vén de someter a información pública o proxecto sectorial para a ampliación do Hospital Gran Montecelo, incluído o estudo ambiental estratéxico, declarado como de incidencia supramunicipal. No dito proxecto especifícase na Memoria que: “A xestión de residuos planifícase para atender a un proceso de recollida diferenciado e coordinado dos diferentes tipos de residuos que se producen nun hospital: inertes, asimilables a urbanos, perigosos de distintos graos que deberán ser tratados por xestores adecuados. As medidas preventivas que se terán en conta están a de minimizar o consumo de recursos naturais en todas as fases do proxecto, a potenciación da reciclaxe e a previsión dunha dotación axeitada de espazos para a recollida, almacenaxe e tratamento dos residuos”. Pero, pola contra, no Estudo Ambiental Estratéxico establece no apartado de “Augas residuais“: “A produción de vertidos á rede de saneamento de augas pluviais ou fecais por parte das instalacións e actividades que se desenvolvan no ámbito do proxecto sectorial, deberá axustarse ao disposto na lexislación vixente que se recolle en detalle no apartado da normativa do Proxecto Sectorial”.

Do mesmo xeito, na Memoria do proxecto, o Concello de Pontevedra responde á solicitude por parte da Consellería de Sanidade de informe sobre instalacións de auga e saneamento en relación coa ampliación do Hospital de Montecelo, afirmando que: “A proposta de trazado das redes de servizos, tanto a separativa de saneamento como a de abastecemento de auga potable, é correcta e resolve axeitadamente as conexións cos sistemas xerais das redes municipais. Garántese, así mesmo, a suficiencia da rede municipal para prestar adecuado servizo ás novas instalacións hospitalarias”.

O informe de Viaqua sinala que:

“Se plantea una salida de pluviales de la parcela del Hospital de Montecelo de tubería  diámetro 800 mm. Se deberán tener en cuenta las siguientes cuestiones: Revisar diámetro red pluviales proyectada y ver la opción en caso de ser necesario el citado diámetro, de no efectuar conexión a la red de pluviales existentes, para evitar su sobrecarga. Ver posibilidad de salida directa a regato próximo (regato do Marco). Cumplimiento red separativa de las instalaciones interiores del Hospital”.

Así as cousas, e tendo en conta toda a problemática en torno ao modelo de saneamento da Ría de Pontevedra, do funcionamento da EDAR dos Praceres e da rede de saneamento, chegou o momento de esixirlle á Xunta de Galicia que teña a suficiente altura de miras e que dea pasos cara a mellora do modelo de saneamento. No caso da ampliación do Hospital de Montecelo, efectuar a conexión das augas residuais á rede de saneamento supón aumentar a súa carga e arriscarse á unha sobrecarga. En efecto, non axuda en nada ao modelo actual, xa de por si deficiente, senón máis ben ao contrario.

Faise necesario “a potenciación da reciclaxe e a previsión dunha dotación axeitada de espazos para a recollida, almacenaxe e tratamento dos residuos”, tal como sinala a Memoria do proxecto, co tratamento das augas residuais en orixe, cunha depuradora propia e coa reciclaxe das augas para rego e outros usos.  O Concello de Pontevedra debe dar pasos cara un modelo de saneamento racional e sustentable que o convertan nun referente tamén neste ámbito. 

PROPOSICIÓN

  • Instar á Xunta de Galicia a que antes de adoptar decisións, realice un estudo integral do saneamento da ría, requerindo para isto a colaboración do Ministerio para a Transición Ecolóxica.
  • Instar á Xunta de Galicia a que pospoña calquera decisión ata que estea rematado o estudo e se coñezan as súas conclusións.
  • Instar á Xunta de Goberno Local a que lle transmita ao Delegado de Goberno en Galicia o interese do Concello de Pontevedra en implicarse nese diálogo na procura de consenso.
  • Instar a Xunta de Goberno Local a que lle transmita ao resto de concellos da Ría de Pontevedra e á Xunta de Galicia a necesidade de que todos as partes se impliquen nese diálogo na procura de consenso.
  • Instar a Xunta de Goberno Local a que nas alegacións ao proxecto sectorial para a ampliación do Hospital Gran Montecelo reclame “a potenciación da reciclaxe e a previsión dunha dotación axeitada de espazos para a recollida, almacenaxe e tratamento dos residuos”, tal como sinala a Memoria do propio proxecto, co tratamento das augas residuais en orixe, cunha depuradora propia e coa reciclaxe das augas para rego e outros usos.
  • Instar á Xunta de Galicia a que asuma as alegacións do Concello de Pontevedra no referido ao tratamento das augas residuais do futuro Gran Montecelo.

B)PARALIZACIÓN DA CONSTRUCIÓN DA AUTOVÍA A 57

A Autovía do Atlántico, A-57 (así denominada na Lei de Estradas do Estado, véxase BOE de 30.9.2015), prevista entre O Porriño e A Coruña, e en paralelo á Autoestrada do Atlántico, non é unha circunvalación de Pontevedra e supón un malgasto maiúsculo de recursos públicos.

Xa o está sendo o tramo en construción Vilaboa-A Ermida, de seis quilómetros, sen máis entrada ou saída ca nos seus extremos (porque non é unha auténtica circunvalación de Pontevedra, que lle queda a sete quilómetros de distancia), e tamén o será o tramo A Ermida-Pilarteiros (de cinco, ou seis quilómetros e pic, segundo se opte pola Alternativa I ou a II), cun orzamento estimado de 100 ou de 124 millóns de euros (e un só enlace intermedio).

Cun orzamento para o total da Autovía que, de facerse, superará amplamente os mil douscentos millóns de euros, o idóneo sería que o Goberno investise eses cartos de todos en rescatar a concesión da Autoestrada, AP-9, ese gran calote con que nos zoupan (e zouparán, se non lle poñemos remedio), converténdoa en gratuíta.

Cómpre sinalar que, sobre o tramo da A-57 entre A Ermida e Pilarteiros, a Oficina Técnica de Arquitectura e Planeamento do Concello, advirte que “na documentación técnica que obra no expediente non se valoran as afeccións e o seu impacto (sobre casas e construcións existentes, sobre solos rústicos de especial protección ou sobre elementos de patrimonio etnolóxico), nin tampouco sobre o planeamento municipal vixente ou na ordenación dos núcleos rurais afectados”.

Lóxica e lexitimamente preocupadas ante todo isto, as persoas e familias  residentes en Bora e Xeve, mais non só, presentaron xa milleiros de alegacións no trámite de exposición ao público, e é previsible que (de non obteren resposta, ou de obtérena negativa), se vexan obrigados a emprender a vía xudicial, asumindo o custo económico diso.

Dado que o concello é a administración máis próxima á xente, e debe acompañala e protexela cando se ven agredida, e dado que conta con técnicos  e servizos que en moitas ocasións presentan recursos ante decisións doutras administracións que repercuten en Pontevedra, o Grupo Municipal de Marea Pontevedra presenta ante o Pleno a seguinte

PROPOSICIÓN

  1. Instar a Xunta de Goberno Local (XGL) a ofrecer e prestar asesoramento técnico ás persoas e familias afectadas polo-s trazado-s previsto-s na Autovía A-57 para o tramo entre A Ermida e Pilarteiros.
  2. Instar a XGL a ofrecer asesoramento e cobertura xurídica ás plataformas de persoas e familias afectadas polo-s trazado-s previsto-s na Autovía A-57 para o tramo entre A Ermida e Pilarteiros.

Luís Rei e Alexandra Fernández coa veciñanza de Xeve e Bora

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*