Marea insiste en rematar coas touradas en Pontevedra

O colectivo cidadá presenta unha moción para que o Concello de Pontevedra sexa declarado como administración contraria aos espectáculos onde se someta aos animais a torturas, maltrato ou violencia. Pontevedra é a única cidade galega que aínda segue festexando un espectáculo baseado na tortura animal.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A nova Lei de Benestar Animal, que entrou en vigor o pasado 11 de Xaneiro, volve excluír a realización de touradas e outros eventos tauromáquicos do seu eido de aplicación, posibilitando que continúen a ter presenza na nosa provincia cun estraño amparo normativo que contradí a opinión da inmensa maioría da veciñanza.

A esta norma únese a aparición da Lei de Espectáculos Públicos que, aínda prohibindo o acceso das persoas menores de 12 anos aos recintos pechados onde se desenvolvan os mal chamados “espectáculos” taurinos, deixa na Xunta a meirande parte das competencias para autorizar ou posibilitar a realización de touradas, soltas ou capeas, deixando aos Concellos cunha práctica nula posibilidade de negar o seu soporte a tales convocatorias de crueldade.

Así, o corpus lexislativo do noso país está feito á medida do lobby taurino, quen só debe obter a conivencia da Xunta para seguir exceptuando a tortura dos animais como actividade pública mentres o 99,7% da cidadanía declara non asistir nin participar da violencia cara un animal, como evidencia a última ‘Enquisa sobre Hábitos e Prácticas Culturais’ elaborada polo Ministerio de Cultura, pouco sospeitoso de “antitaurinismo”.

Dende 2015 foron diferentes os movementos políticos e institucionais que acadaron a supresión de subsidios ao entramado tauromáquico e, de xeito case inmediato, lograron evitar que as corridas de touros pervivan en municipios como A Coruña, Padrón ou Sarria, onde se sumaron declaracións dende as Deputacións da Coruña e de Pontevedra pechando a billa dos cartos públicos que pagaban publicidade, material para “peñas” taurinas ou daban acubillo nos seus edificios a presentacións de actividades pro-touradas.

Neste tempo púxose en valor que o movemento abolicionista é maioría, xunto coas accións tomadas noutras latitudes, como Cataluña ou Illas Baleares, onde os seus lexítimos representantes públicos avanzaron cara a supresión da tauromaquia tal e como se coñece ata agora, regulamentando para erradicar o sufrimento animal.

Non é coherente, cunha sociedade desenvolvida,  que continúen a existir prácticas de recoñecida violencia cara os animais, actividades que baixo o amparo dunha suposta, e imposta, categorización como “Patrimonio Cultural Inmaterial” organizan a tortura pública dun bóvido, mentres administracións públicas regan con cartos do peto das nosas veciñas e veciños.

PROPOSICIÓN

  • Instar á Xunta de Galicia a realizar as modificacións lexislativas oportunas para vetar a realización de eventos tauromáquicos en Galicia.
  • Declarar o Concello de Pontevedra como administración contraria aos espectáculos onde se someta aos animais a torturas, maltrato ou violencia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*