Marea advirte sobre o abandono de parcelas sen urbanizar e amósase contrario ao traslado da Feira para os terreos de Tafisa

Gráfico tafisaMarea Pontevedra denunciou hoxe o abandono de parcelas no Concello e presentou unha Proposición, que se debaterá no Pleno Municipal, para que  se garanta condicións topográficas seguras e de salubridade nos terreos de titularidade pública ou privada que actualmente ofrecen un estado de abandono e representan un perigo para as persoas.

Os solares urbanos, terreos resultantes do proceso de urbanización, cos servizos necesarios para este fin e aptos legalmente para a edificación que están na contorna de diversas zonas da nosa cidade (Urbanización de Tafisa, contorna de Eduardo Pondal e 12 de Novembro,  Urbanización de Valdecorvos, Barrio de Monte Porreiro, A Parda..) atópanse na maior parte dos casos en estado de abandono e manifestan diversas deficiencias e posibles riscos derivados dunha mala xestión no proceso de urbanización e na recepción das obras, ou froito dunha simple falta de interese por parte do equipo de goberno do Concello de Pontevedra.

En todos os terreos en situación de abandono, algo que se pode combater cos instrumentos legais facilitados pola Lei de Solo de Galicia e a de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais.

De entre os terreos referidos a antiga parcela de Tafisa é quizais a máis paradigmática de todas.

En Tafisa estamos ante 112.000 metros cadrados (equivalente a once campos de fútbol).

Excluídos os 17.500 metros reservados para a Universidade, e a parte de zonas verdes e de viais, case 60.000 metros máis, en estado aceptable, hai unha cantas parcelas  sobre as que sería conveniente actuar.

Presentan problemas como proliferación de vexetación, desniveis, acumulación de entullo de obras e presenza de animais domésticos abandonados.

Particularmente grave nos parece o exemplo que o concello está dando coa parcela máis valiosa de todas: 3.173 metros da súa propiedade e postos á venda para instalar nela un hotel de cinco estrelas.

É importante que o concello dea orde de limpeza aos propietarios de solares, co amparo da normativa legal, pero tamén que  predique co exemplo.

Toda esta superficie á beira do río pode completar con algo máis de celo do goberno municipal o magnífico lugar de expansión que xa é a Illa do Cobo.

A Proposición presentada piola Marea contén unha serie de medidas tanto para as parcelas de titularidade municipal coma para os solares urbanos de promotoras, do I.G.V.S ou de particulares.

Nas parcelas de titularidade municipal:

  • Dotar de orzamento para a realización da 2ª fase do Inventario (viais, vehículos, patrimonio histórico artístico e mobles) para coñecer e ter rexistrados os que son de titularidade municipal.
  • Garantir condicións topográficas seguras: que se eviten fochancas, buracos, moreas de terras…etc nestes terreos, para mantelos seguros.
  • Establecer un protocolo de xestión para a súa conservación que contemple cando menos unha limpeza exhaustiva así como unha vixilancia periódica do seu bo estado.

Nos solares urbanos de promotoras, do I.G.V.S ou de particulares:

  • O Concello de Pontevedra, unha vez analizada a situación dos solares urbanos en estado de abandono, cursará de oficio unha orde de limpeza.
  • O Concello garantirá que existan condicións topográficas de seguridade e salubridade das parcelas para conseguir que sexan máis seguras, evitando furacos, fochancas, moreas de terras…etc, facilitando a eliminación de riscos e, asemade, a limpeza posterior e periódica dos solares.
  • O Concello, definirá un protocolo de limpeza consonte á normativa que estableza as periodicidades e forma en que se debe de tratar a vexetación (nunca menos dunha vez ao ano).

 

Por outra banda, o portavoz de Marea Pontevedra, Luís Rei, amosou a oposición do seu grupo con respecto ao traslado da Feira semanal para os terreos de Tafisa.

Para  Luís Rei “a feira semanal dos sábados, o comercio tradicional da zona monumental e a propia Praza de Abastos constitúen xuntas un polo de atracción e movemento económico moito máis atractivo ca afastadas.”

“Aínda que só sexa unha medida provisional e a proba, á Marea parécelle un erro o traslado da feira á única parte habilitada dos antigos terreos de Tafisa, demasiado distante, desprotexida e illada do resto da actividade comercial”; indicou o portavoz da Marea.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*