Manifesto

POR UNHA MAREA CIDADÁ PARA PONTEVEDRA


Vivimos tempos difíciles para a maior parte da cidadanía.
A crise sistémica que estamos a vivir é aproveitada polos que nos gobernan para aplicar políticas de recorte de dereitos coa única intención de mellorar os beneficios e a situación dominante das grandes corporacións. Neste momento de colapso económico e político, cando a miseria moral do actual modelo se fai máis evidente, a situación da maioría social é cada día máis difícil, con cifras de desemprego, pobreza e exclusión insoportables; con intolerables recortes no ensino, pensións e dependencia; coa privatización da sanidade; coa perda da vivenda de miles de cidadáns, e coa ameaza de desmantelar de vez os servizos sociais. Mentres, as élites do réxime non paran de sorprendernos con novos e cada día máis vergoñentos casos de corrupción e cobiza.

Asistimos, polo tanto, a unha crise global da que non poderemos saír aplicando as vellas receitas de crecemento especulativo, senón baseándonos nun novo modelo redistributivo no social e sustentable no ambiental.

Por outra banda, hai xa tempo que son moitos os sinais que indican que o modelo político institucional saído da Transición está esgotado: a falta de solucións aos grandes problemas que ten a cidadanía; o mantemento de institucións inservibles (a Casa Real, as Deputacións), ou baleiras de contido (o Senado); o crecemento transversal dos casos de corrupción política e económica; o proceso de adelgazamento drástico no estado de benestar; os intentos de recentralización… Todo iso conduce a unha profunda indignación e á desafección da política dun número cada vez máis grande de cidadáns.

Diante disto, unha parte crecente da cidadanía dixo basta e púxose en marcha na procura dun novo horizonte, empezando a entender a democracia como unha expresión cívica e cultural e non só como un instrumento representativo bipartidario.

Asistimos a un novo tempo político que nos fala dunha maior participación cidadá e dun novo xeito de entender a política, ligada ás demandas reais da xente. As eleccións municipais de 2011 marcaron un antes e un despois coa irrupción do movemento 15M. As vindeiras, en 2015, van estar ligadas necesariamente a ese movemento de cambio cívico e democrático.

Pensamos que é o momento de abrir un proceso encamiñado á suma de forzas de cara ás eleccións municipais do ano vindeiro. Necesitamos un espazo de confluencia no que caibamos todos arredor dun desexo común: rematar coas políticas ditadas polas élites e o poder económico e rescatar a democracia e a participación hoxe vixiadas tamén polos partidos que dominan o ámbito municipal.

Desde hai tres lustros, os últimos gobernos municipais lograron modernizar Pontevedra en aspectos como a ordenación do tráfico, a ampliación de áreas peonís ou a reactivación cultural, pero a inercia do paso do tempo levou a acentuar os tics autoritarios dos seus dirixentes. Ademais, camiñouse cara a un modelo de privatización e externalización de servizos, unido á ausencia de políticas de progreso en tres aspectos centrais para unha cidade avanzada, como son as políticas de transparencia e participación, as políticas sociais ou as políticas de sustentabilidade.

Queremos construír a Pontevedra do século XXI tomando como guía os referentes éticos do século pasado: o republicanismo democrático do alcalde García Filgueira, o galeguismo cívico de Alexandre Bóveda, o cosmopolitismo creativo de Manuel Quiroga, ou o humanismo libre de Ernestina Otero.

Queremos un cambio cooperativo, porque non nos valen os modelos competitivos e agregativos da vella política, senón unha política da cooperación entre homes e mulleres libres e solidarios; cidadá, porque as persoas que nos representen serán elixidas en primarias abertas e con posibilidade de ser revogadas; democrático, porque o que está en cuestión son os nosos dereitos fundamentais; e radical, porque queremos un cambio nas políticas sociais, ambientais e de participación e transparencia en favor da maioría, sen renunciar ao dereito a decidir sobre todo o que nos afecta como colectivo e como persoas.

De seguro que, coa ilusión e o compromiso da maioría, faremos que a onda democrática chegue a Pontevedra e toda Galicia. Co cambio, e para o ben común.

Pontevedra, 30 de agosto de 2014.

Salomé Álvarez Blanco. Ensinante
Rebeca Amoedo Aznar. Deseñadora Gráfica
Vanessa Angustia Gómez. Historiadora do Arte
Socorro Aramburu Núñez. DUE. Sindicalista
Estela María Baleirón Torres. Activista Social
Rocío Baleirón Torres. Activista Social
Marcos Cal Ogando. Activista político
José Luis Calvo Portela. Presidente da Plataforma Anti-crematorios
David Carballal. Asesor Comercial. Militante
César Carballo Fernández. Fotógrafo. Árbitro deportivo
Adele Romana Cardarelli. Odontóloga
Guillermo Casalderrey Rivas. Arquitecto
Anxo Corbillón Fernández. Delegado Sindical. Libreiro
Guillermo Cuñarro Santas. Ensinante
Patricia Díaz González. Activista 15M
Maria Virginia Díaz Llamas. Activista 15M
Herminia Dios Poceiro. Psicóloga
Nuria Feijoo Alonso. Auxiliar administrativa SERGAS
Salustiano Fernández Cabanelas. Impresor
David Fernández Castro. Mecánico
Ricardo Ferradás Crespo. Activista social
Marcos Fontán Cortizo. Activista 15M
Silvia Gálvez Vilches. Educadora Social
Celestino García Brañas. Arquitecto. Ex-concelleiro
Ramiro García Enríquez. Traballador do metal
Bruno González Cacheda. Politólogo
Adrián González García. Profesor Ensino Medio
Ana Isabel González Varela. Auxiliar administrativa SERGAS
Juan José Guirado Fernández. Arquitecto
Xoán Hermida González. Historiador. Activista altermundista
María Luisa Lores Aguín. Radióloga CHOP. Membro da AGDSP
Lourdes Martínez Cabrera. Procuradora
Manuel R. Moldes. Pintor
Cynthia Piña Moreira. Camareira. Activista social
José Antonio Ramírez Amor. Mediador
Luis Rei Núñez. Escritor
Javier Revenga Pazos. Estudante
María Revenga. Médica Tradicional China
Afonso Ribas Fraga. Coordinador editorial de Laiovento
Adolfo Riveiro Guiance. Comerciante da Praza de Abastos
Ángel Santiago Rodiño Janeiro. Ensinante
Ángela ‘Pam’ Rodríguez Martínez. Filósofa
Bibiana Rosales Piñeiro. Mecánica bicis. Skater
Miguel Anxo Serén García. Xeógrafo
Manuel Torres Abal. Limpador. Cicloactivista
Rogelio ‘Chiqui’ Torres Hermida. Activista 15M
Eladio Torres Castro. Praceres. Pontevedra
Javier Tudela. Artista. Profesor Belas Artes
Manuel Antonio Vázquez de la Cruz. Enxeñeiro técnico agrícola
Raquel Vázquez Méndez. Hostaleira
Concepción Vázquez Val. Ensinante. Colectivo Encontro
Manuel Ventín Pereira. Bombeiro
José Luis Vidal Laíño. Dirixente vecinal
Miguel Anxo Vilacoba García. Funcionario

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*