Luís Rei: ‘Os veciños de Santo Amaro e da Parda son uns pequenos ‘Davices’ que se negan a ser cidadáns de segunda categoría’

O voceiro de Marea Pontevedra, Luís Rei, e o compañeiro do colectivo cidadá e activista da Plataforma anticrematorios, Toño Ramírez, presentaron hoxe unha iniciativa de Marea Pontevedra para protexer a veciñanza da Zona Leste de Pontevedra dos crematorios.

Luís Rei: Os veciños de Santo Amaro e da Parda son uns pequenos ‘Davices’ que se negan a ser cidadáns de segunda categoría. Os tribunais déronlle a razón porque a tiñan e porque a modificación do plan estaba mal feita’.

Toño Ramírez: ‘O Concello de Pontevedra continúa sen recibirnos nin poñerse en contacto con nós, e semella que queren continuar a vía do litixio sen contar coa veciñanza’.


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Plan Xeral vixente (aprobado en 1989-1990) non regula as condicións da  instalación de crematorios na cidade, polo que existe en baleiro normativo.

Desde 2012 os proxectos de crematorios experimentaron unha eclosión en Pontevedra, chegando a cinco. Os catro primeiros foron desactivados pola moratoria sobre as licenzas e mais pola posterior regulación do Concello: son os de Arcebispo Malvar, Santo Amaro, rotonda da Avenida de Lugo-Montecelo e mais o proxectado a carón do Hospital de Montecelo. Un quinto, de Sempsa-Funespaña, en cambio, afianzouno a decisión da Xunta de Galicia de aceptalo eximíndoo da Avaliación Ambiental Estratéxica (AAE).

O goberno coaligado do concello, con Lores á cabeza, viuse así, e grazas a esa decisión da Xunta, coas mans libres. Mais nin o vello PXOM nin a posterior Modificación Puntual establecían o requisito da AAE. E, segundo di a sentenza do TSXG: “Cuando se firma esta modificación, el 26 de diciembre de 2014, ya se había publicado en el DOG, de 11 de diciembre de 2014, el Decreto 151/2014, de sanidad mortuoria de Galicia, que entró en vigor un mes después, y que solo faculta a los ayuntamientos en materia de distancias”.

O goberno do Concello quixo dar por bos os 50 metros de franxa de seguridade ata as casas. Con todo, a sentenza afirma que non existe motivo ambiental nin de seguranza que obrigue a limitarse a eses metros, tendo en conta que os crematorios deben contar necesariamente cun punto emisor de contaminantes á atmosfera.

Mentres a veciñanza estivo manifestándose na rúa e nos medios sobre a falta de seguridade ante unha emisión volátil de mercurio, cadmio e outros metais pesados, o goberno do Concello non tivo a máis mínima vontade negociadora. Así, as reunións foron estériles, porque se facían co propósito só de gañar  tempo e sen ofrecer nunca unha alternativa (e mesmo se desbotou a proposta de recorrer á figura dun mediador de prestixio internacional). O resultado é que o Concello perdeu ante o TSXG cunha sentenza inapelable, e iso, como adoito,  obrigouno a pagar as costas (aínda que, esta vez, solidariamente coa Xunta).

O resultado é que o goberno, agora en solitario do Bloque de Lores, intenta culpar á veciñanza dos erros cometidos polas dúas administracións, ao tempo que recorre como última instancia ao Tribunal Supremo, que, sen chegalo a admitir a trámite, arquiva o caso. E tras este novo fracaso, o Bloque de Lores pide tranquilidade, anunciando que pode optar por outra moratoria para corrixir os  incumprimentos sinalados polo TSXG e referendados de xeito firme polo TS.

Dado que iso abocaría a seguir recorrendo á vía da confrontación e do litixio, e con ánimo de apostar por unha solución definitiva, o GM de Marea Pontevedra presenta a seguinte

PROPOSICIÓN

1ª Instar á Xunta de Goberno Local a impulsar un acordo para corrixir o baleiro no PXOM vixente a respecto dos crematorios, supeditándoos á Avaliación Ambiental Estratéxica.

2ª Instar á XGL a buscar o apoio da veciñanza, ofrecéndolle unha solución sobre distancias dos edificios e casas que protexa a saúde dos habitantes da zona Leste (Santo Amaro-A Parda).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*