Luís Rei: Todo semella indicar que por causa daquela protesta unha rúa tan céntrica e de tanto uso como Echegaray está a ser borrada da listaxe de rúas a mellorar

Fotografía: Rafa Vázquez.

Marea Pontevedra solicita ao grupo de goberno do Concello de Pontevedra que na serie de arranxos que está a efectuar no firme de distintas rúas da nosa cidade non deixe excluída a Rúa de Echegaray. Luís Rei chama a atención sobre o pésimo estado do pavimento deste vial e de como comerciantes, veciños e usuarios están a sufrir unha situación que xa persiste desde hai máis de catro anos.

O portavoz de Marea Pontevedra tamén se pregunta se Echegaray está a padecer un castigo particular despois que fracasara o proxecto de César Mosquera para a súa remodelación e que tras unha serie de
protestas foi paralizado polo goberno municipal en medio dun desencontro coa veciñanza dunha rúa fundamental para a comunicación coa Ponte da Barca.

Marea Pontevedra entende que en ningún caso unha parte determinada parte da poboación pode ser castigada ou sinalada por non compartir un proxecto urbanístico e que o estado actual da rúa e do seu firme prexudica en realidade á totalidade da cidadanía. “Todo semella indicar que por causa daquela protesta unha rúa tan céntrica e de tanto uso como Echegaray está a ser borrada da listaxe de rúas a mellorar”, subliña Luís Rei.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*