Luís Rei: Son uns orzamentos que amosan moi pouca sensibilidade social e ambiental e seguen maltratando a Pontevedra

A maior parte dos orzamentos do Estado para Pontevedra está destinada a construción da A-57, que non é unha circunvalación, senón unha autovía que cruzará o país, paralela a AP-9 desde A Coruña ata O Porriño.

Os orzamentos do Estado consolidan ‘unha nova navallada á terra’. O voceiro de Marea Pontevedra e candidato á alcaldía, Luís Rei, definiu así a proposta do goberno de Pedro Sánchez para este 2019. As contas que presenta o executivo destinan a maior parte do orzamento para Pontevedra á construción da A-57, un obxectivo moito máis custoso que rescatar para o público a xestión da AP-9 e liberala da súa peaxe, un dos maiores ‘timos’ que padecen os galegos e as galegas desde hai décadas e que, a vista dos feitos, semella que continuará outras tantas décadas facendo o mesmo.

A autovía, que cruzará o país desde A Coruña ata O Porriño, duplica, por tanto, a Autoestrada do Atlántico no lugar de dotar a Pontevedra doutros servizos de maior necesidade como, por exemplo a recuperación do uso como escola infantil do edificio da Subdelegación de Defensa ou de recuperar e arranxar o deterioro do antigo Edificio de Facenda da Praza da Ferrería, actualmente pechado ao público e en estado de semiabandono.

‘É un orzamento que amosa pouca sensibilidade social e ambiental e que segue maltratando a Pontevedra. Non se explica que os investimentos vaian para unha autovía, que non circunvalación, que duplica a Autoestrada do Atlántico, que podía ser rescatada. Marea pontevedra vai estar cos veciños e coas veciñas que van padecer nas súas carnes a consumación doutra navallada ao territorio’.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*