Luís Rei participará ‘simbolicamente’ no Consello das Mareas para amosar o seu respaldo a Luís Villares

Finalmente o portavoz de Marea Pontevedra, Luís Rei, estará na lista liderada por Luís Villares ao Consello de Mareas para amosar de xeito simbólico o apoio de Marea Pontevedra ao portavoz parlamentario e lider de En Marea.

Cabe lembrar que diferentes responsables de Marea Pontevedra participaron estes días nos traballos da comisión presidida por Luís Villares, co obxectivo de elaborar unha lista de “consenso” para as eleccións primarias aos órganos de En Marea (Consello das Mareas, de carácter político, e Coordinadora Nacional, de carácter executivo).

Previamente, a Coordinadora de Marea Pontevedra avalou que catro dos seus membros puidesen encadrarse na lista nucleada arredor de Luís Villares, co mandato de definir unha candidatura plural e maioritariamente conformada por activistas das mareas locais. En todo caso, aínda que sobre a mesa estiveron eses catro nomes da confluencia local, Marea Pontevedra non se presentaba, como tal, en ningunha candidatura, ao tratarse En Marea dunha organización de adscrición individual.

Aínda que os nomes propostos foron aceptados pola comisión que elaboraba esa lista de “consenso”, e mesmo a compañeira Peque González foi promovida para formar parte da proposta para o órgano executivo, ao final todos os membros de Marea Pontevedra renunciaron a participar. É dicir, nin Peque González ía estar na proposta para a Coordinadora Nacional, nin Xoán Hermida nin Cruz Villaverde na proposta para o Consello das Mareas.

Esta decisión tomouse ante dous graves incumprimentos: o de apostar por unha clara maioría de activistas das mareas en ambos os dous órganos (finalmente, só 14 “mareantes” fronte 20 membros de partidos no Consello); e o de presentar para a Coordinadora Nacional unha lista con maioría feminina (ao final, a maioría era de homes).

Non obstante, e a petición do propio Luís Villares, o portavoz de Marea Pontevedra, Luís Rei, aceptou participar ‘simbolicamente’ no Consello das Mareas para deixar claro o compromiso firme de Marea Pontevedra co proxecto de En Marea saído da súa asemblea constituínte e, asemade, o apoio aínda máis firme ao liderado de Luís Villares, o dirixente político que ten por diante o reto de encabezar a alternativa que en 2020 desprace á dereita da presidencia da Xunta de Galicia.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*