Luís Rei: O Concello de Pontevedra vai gastar preto de dous millóns de euros no festival multisport mentres segue sen pagarlle aos clubes pontevedreses as subvencións de 2017, e nin sequera están convocadas as de 2018 e 2019

O candidato de Marea Pontevedra, Luís Rei, e o seu compañeiro e o coordinador das políticas para o deporte do colectivo cidadá, Alberto Argibay, denunciaron o impago do Concello aos clubes que apostan pola promoción do deporte en Pontevedra.

Alberto Argibay: Estase esquecendo a esencia do deporte como escola de valores. Non podemos pedirlle as asociacións que cumpran as súas obrigas, como pagar polo uso das instalacións municipais e que, ao mesmo tempo, o Concello incumpra as súas.

En 2018 a Xunta de Goberno Local do Concello de Pontevedra aprobou as bases para as subvención correspondentes ao ano anterior e que deberían proporcionar axudas para os desembolsos que os clubs fixeron no ano 2016. Houbo que agardar 8 meses para que o servizo presentase a comisión avaliadora das subvencións a súa proposta. O resto da tramitación impedirá que lles cheguen os cartos ata o verán. Falamos dunha suma pequena dentro do orzamento municipal, son 300.000 euros, cantidade que non sube desde o ano 2016.O problema é que chegan moito máis tarde do acordado previamente e que algúns dos clubs tiveron que pedir prestamos bancarios.

Esta é a realidade que denunciou hoxe o candidato a alcaldía, Luís Rei: ‘Mentres os clubs sofren esta asfixia, o señor Lores chámaos para que aporten voluntarios para o Multisport Festival. O goberno do concello dispón de servir unha gran mariscada para os de fóra mentres somete a unha dieta adelgazante ao deporte pontevedrés. Con Marea Pontevedra no goberno convocaríanse xa as subvencións de 2018, pagaríanse as de 2017 inmediatamente e iríamos antes do final de ano a poñer ao día os atrasos que o Concello ten en materia de axuda aos clubs deportivos’.

Somos un municipio que ten unha alta participación deportiva e un número moi elevado de asociacións que teñen moitos problemas de supervivencia. Hainas históricas, que representan  identidade deportiva da cidade, con problemas graves de limitación económica, que mesmo tiveron que solicitar créditos para poder seguir adiante coa súa actividade.

Hai recursos suficientes no orzamento para facer unha xestión máis eficiente. Dentro da política deportiva hai dous aspectos básicos, o deporte como saúde e como escola de valores, e se non somos capaces de dar soporte para que teñan un traballo de calidade dificilmente van a subsistir.

Alberto Argibai amosou a súa preocupación por unha situación crítica para o deporte de base: ‘Estase utilizando o deporte como un area de promoción turística e estase esquecendo a esencia do que seria a xestión de deporte municipal’.

Dentro do programa de Marea Pontevedra hai unha serie de pilares, fundamentalmente a conexión entre os estudos deportivos da cidade e as asociacións deportivas. A idea é subvencionar bolsas para os profesionais poidan iniciar a súa actividade nas asociacións pero ‘Se estas non teñen un mínimo de recursos para levar adiante a súa propia actividade e chegan asfixiados a final de temporada e imposible presentarlle ningún tipo de proxecto. Dentro do concello hai un orzamento importante para facer este traballo. Non lle podemos pedir que cumpran coas obrigas, como pagar polo uso das instalacións municipais e que ao mesmo tempo o Concello incumpra as súas’.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*