Luís Rei: ‘Non estorbaría o diálogo cos veciños. E non só cos de Consellos Parroquiais dóciles, senón tamén con aqueles dos que é previsible escoitar o que non se quere oír’

O voceiro de Marea Pontevedra, Luís Rei, manifestou o seu malestar coa política da cidade nos últimos tempos, onde o goberno de Lores utiliza todos os ruídos posibles para evitar falar dos temas realmente importantes : O gran debate deste mandato está sendo este do calmado de tráfico, que lle serve para encirrar o conflito, e seguir polarizando a axenda, distraendo de temas nos que o balance de xestión é ben cativo. E fíase todo aos redutores de velocidade. Superaban os trescentos cando se xubilou o funcionario que os inventariaba, e agora debemos andar duplicando esa cifra’

A crítica, que non tivo resposta por parte de Demetrio Gómez, veu despois da defensa que fixo o concelleiro da moción para a mellora da seguridade viaria na estrada da PO-223. Ao remate dun discurso que xiraba arredor dunha cidade que, segundo presume o goberno circula a 30 km/h. O escritor non dubidou en recoñecer que é un feito que Pontevedra é unha cidade tartaruga: ‘É evidente que Pontevedra é unha cidade que circula a 30. Sucede co contrato das piscinas, que trae nove anos de atraso. Sucede co abastecemento de auga, que segue sen chegar a moitos fogares do rural, a pesar dun contrato de hai 20 anos. Sucede co saneamento. Sucede co transporte. Sucede coa captación de novas empresas’.

Rei tamén tivo unhas palabras para a dificultade que ten este goberno para dialogar e chegar a acordos cos veciños: ‘Non estorbaría o diálogo cos veciños. E non só cos de Consellos Parroquiais dóciles, senón tamén con aqueles dos que é previsible escoitar o que non se quere oír. Non estorbaría cumprir as características técnicas que esixe a normativa. E non estorbaría pensar noutras medidas, como as rotondas, a instalación de semáforos e, ás veces, para mellorar a seguranza, abonda coa simple limpeza da broza das gabias, para que os peóns poidan camiñar seguros por elas’.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*