Luís Rei: “Monte Porreiro segue agardando por todo o que lle debe o goberno do Concello de Pontevedra”

Luís Rei e membros do equipo do colectivo cidadá percorreron o barrio e escoitaron de primeira man as deficiencias que restan calidade de vida aos seus veciños e as súas veciñas.

A falta de mantemento das instalacións públicas, das beirarrúas e a maleza que invade as calzadas, principais demandas da cidadanía

O barrio de Monte Porreiro, o máis poboado da nosa cidade, ten unha serie de necesidades históricas que desde as administracións non son atendidas. Sobra dicir que non está nas mellores condicións en canto a limpeza e mantemento das zonas comúns, e que tampouco conta cunhas instalacións, por inexistencia ou por mal estado, que favorezan a convivencia veciñal e aumenten as oportunidades de lecer da veciñanza.

Semella que na Pontevedra dos premios, hai habitantes de primeira, de segunda ou incluso de terceira categoría, ou mesmo de rexional. Á falta de instalacións destinadas a ser puntos de convivencia veciñal engádese tamén a falta de coidado e de mantemento das existentes, como pode ser a casa taller, pechada; o estado da zona do Mirador, cun campo de minigolf e unhas pistas deportivas de skate e minibasket nun estado perfectamente mellorable; ou uns parques infantís, cuxo mantemento depende do altruísmo dunha cidadanía que hai tempo que fai os deberes que lle corresponden ao Concello de Pontevedra.

No día de onte, o portavoz, Luís Rei, e outros membros de Marea Pontevedra percorreron as rúas e recolleron directamente da veciñanza as principais demandas para mellorar a calidade de vida na contorna. Non é a primeira vez que o colectivo cidadá fai esta labor de coñecemento dos barrios e das parroquias esquecidas, desde sempre, polo goberno de Lores e, por suposto, tampouco é a primeira vez que o fai en Monte Porreiro. Froito destes contactos Marea Pontevedra impulsou, na súa liña de oposición útil, o soterramento da alta tensión e do transformador e mais a apertura dos xardíns da UNED.

Luís Rei valorou de xeito negativo o estado dun barrio que podería telo todo, e que non o ten por desleixo das administracións. Do mesmo xeito, tamén quixo deixar claro que Marea Pontevedra traballa para trocar unha realidade que diferencia aos pontevedreses e as pontevedresas en función do territorio no que residan: O noso Camiño 19 vai levar a facer xustiza cos máis de sete mil residentes no barrio máis vivo, igual ca cos máis de tres mil de Lourizán, a parroquia máis castigada e, a pesar de todo, tamén a máis resistente. A Pontevedra de Lores é un disco (raiado) cunha única cara A e numerosísimas caras B.

O servizo á verdade, e todas as súas caras, agarda en Monte Porreiro, e nos Praceres, polas visitas de Francesco Tonucci e “The Guardian. Ademais, a veciñanza segue agardando por todo o que lle debe o goberno do Concello de Pontevedra”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*