Luís Rei: “Este é o primeiro paso de moitos que teñen que seguir nunha ría golpeada polas diversas administracións”

Diante do anuncio do peche de Elnosa que xa fora solicitado por Marea Pontevedra no pleno municipal d0 15 de setembro de 2017

Marea Pontevedra recibe con satisfacción a nova do cesamento de actividade de ELNOSA. “Co seu peche, a poboación de Pontevedra ve desaparecer o perigo con que a cloreira a ameazaba desde hai medio século e poderá respirar algo máis tranquila. O día 29 de xullo será, por tanto, un día histórico para o concello e a contorna“, dixo o portavoz de Marea, Luís Rei.

Cabe lembrar que o Pleno da Corporación de Pontevedra do 15 de setembro de 2017 aprobara, a proposta de Marea Pontevedra, unha moción instando á Xunta de Galicia a facer cumplir o prazo ditaminado pola Unión Europea (11 de decembro de 2017) como data de cese e peche de actividade de Electroquímica del Noroeste S.A. (ELNOSA) en Lourizán.

Unha vez máis, e diante da falla de actuación das administracións, ten sido a oposición veciñal quen ten amosado á dirección da multinacional o camiño de saida da ría de Pontevedra.

Para Marea Pontevedra agora cabe “levar adiante entre todas as administracións públicas, incluído o Concello de Pontevedra, a que, tras a desafectación, dean inicio a un proceso de recuperación integral deses terreos”, tal como se indicaba en dita moción aprobada no concello.

Segundo Rei, “o 30 de xullo debe comezar para as administracións o traballo de converter esa boa noticia para a vida das persoas que habitamos na zona nunha noticia tamén boa para o medio ambiente, cousa que ineludiblemente pasa por tomar en serio o desafío de recuperar as marismas de Lourizán“.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*