Luís Rei e Xosé Lois Jácome solicitan que o goberno da Deputación cumpra os acordos plenarios e inicien a recuperación da Xunqueira de Alba

En 2015 a Coalición Son, a petición de Marea Pontevedra, presentou unha moción na institución provincial, e aprobada cos votos a favor de PSdG e BNG, solicitando que a Deputación renunciase a pedir unha prórroga das concesións situadas no dominio público marítimo-terrestre. Algo máis de 3 anos despois, o goberno provincial, incumpre a súa palabra e solicita a prórroga da concesión do Parque de Maquinaria e da Imprenta Provincial na Xunqueira de Alba.

Xose Lois Jácome: Isto e unha mostra do que sucede moitas veces nas institucións. O incumprimento dos acordos plenarios é unha cousa devalúa as institucións. Cando un equipo de goberno vota a favor dunha moción e a incumpre, consegue que perdamos a confianza nel e dificulta, tanto no presente como no futuro, que poidamos chegar a acordos en beneficio da cidadanía de Pontevedra.

Luís Rei: As forzas políticas que gobernan no Concello e na Deputación critican, con razón, a concesión dunha prórroga ENCE na Ría de Pontevedra e ao mesmo tempo esas forzas políticas piden unha prórroga para a concesión de instalacións da Deputación, como son o Parque de Maquinaria e a Imprenta Provincial.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

O Pleno da Deputación Provincial de Pontevedra, en sesión ordinaria celebrada o día 27 de novembro de 2015, hai máis de tres anos, aprobou a instancia do deputado provincial de SON (e Marea Pontevedra) e cos votos favorables do PSOE e BNG, a renuncia expresa  a pedir unha ampliación da concesión dos terreos que actualmente ocupan a Imprenta Provincial e o Parque de Maquinaria do organismo provincial dentro do dominio público marítimo-terrestre.

Naquel acordo, a Deputación comprometíase ao desmantelamento desas instalacións e o seu trasladalo a un lugar menos daniño para o medio ambiente, e a colaborar co Concello de Pontevedra no deseño e desenvolvemento dun plan que permita a total recuperación deses terreos.

A xunqueira de Alba conta, sobre o papel, coa protección ambiental que lle ofrece a súa declaración como Espazo Natural de Interese Local (segundo Orde do 27 de agosto do 2012, DOG do 14 de setembro de 2012), unha figura normativa recollida na Lei 9/2001, do 21 de agosto de conservación da natureza de Galicia. Trátase dun espazo de 670.000 metros cadrados, nos que están incluídos os 170.000 metros cadrados que aínda ocupan naves e instalacións de distintas administracións (Imprenta Provincial, Parque de Maquinaria da Deputación, Parque móbil de ministerios, Xefatura de Tráfico…).

De igual xeito que para o caso de ENCE, a versión orixinal da Lei de costas de 1988, e mais o seu regulamento, obrigaban á recuperación destes espazos, catalogados como de  dominio público marítimo-terrestre, para devolverlles o estado previo á concesión, tras o seu remate en 2018.

Marea Pontevedra considera moi decepciónante o anuncio realizado desde a Deputación de Pontevedra, polo seu Vicepresidente, de que solicitará ao departamento estatal de Costas unha prórroga de tres anos para a concesión dos terreos que ocupan o Parque de Maquinaria e a Imprenta, logo de máis de tres exercicios orzamentarios sen adopción de medidas efectivas para dar cumprimento ao acordo plenario de novembro de 2015.

É evidente que as xunqueiras teñen un valor determinante para a depuración natural das augas e mais por ser o hábitat dunha fauna moi rica e a referencia nas migracións de moitas aves. Marea Pontevedra entende que este grande espazo marítimo intermareal da Ría de Pontevedra non pode seguir sendo agredido nin urbanística nin paisaxística nin ambientalmente, e considera que non pode repetirse o que se fixo coa xunqueira do Lérez, desecada e edificada (zona escolar, recinto feiral) tras sometela a recheos que ocuparon tres cuartas partes da súa superficie.

É vital, xa que logo, entender a xunqueira de Alba como un todo superior aos máis de 500.000 metros cadrados polos que actualmente se estenden as súas marismas, e esa superficie debe ser ampliada cos 170.000 metros cadrados que aínda ocupan naves e instalacións das distintas administracións que debían dar exemplo trasladándose a lugares máis axeitados.

PROPOSICIÓN:

1- Instar a Xunta de Goberno Local a solicitar do Goberno da Deputación a redacción de xeito urxente dun proxecto para o desmantelamento da Imprenta e do Parque de Maquinaria provinciais, e o seu traslado a un lugar menos daniño ambientalmente.  

3- Instar a Xunta de Goberno Local a elaborar, canda a Deputación, un plan de restauración ambiental coa finalidade de que a xunqueira de Alba recupere e incorpore os 170.000 metros cadrados na actualidade ocupados por concesións públicas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*