Luís Rei e Silvia Díaz defenden a xestión pública e mancomunada da auga para Pontevedra e Poio

O voceiro de Marea Pontevedra, Luís Rei, e a concelleira non adscrita do Concello de Poio, Silvia Díaz, atenderon aos medios en Pontevedra para presentar as futuras iniciativas institucionais para recuperar a xestión pública do servizo de abastecemento de auga dun xeito mancoumundo entre ambos Concellos.

Luís Rei indicou que Marea Pontevedra presentou, en tempo e forma, alegacións á licitación da concesión do servizo de abastecemento de auga e saneamento, insistindo en que sexa prestado polo propio Concello en réxime de xestión directa e cos seus propios medios: ‘Este é aínda o momento idóneo, porque co remate do actual contrato non estamos no caso dunha recuperación ou rescate do servizo, nin doutra forma de resolución anticipada do contrato’. O remate da concesións aforraría moitos dos custos que supón apostas pola remunicipalización: ‘Non hai por tanto que afrontar indemnizacións por perdas, nin asumir obrigas que perxudiquen á facenda local, máis alá da liquidación ordinaria’.

No mesmo estilo pronunciouse unha Silvia Díaz que anunciou que viña de rexistrar unha moción no Concello de Poio instando ao Concello para que ‘estude a posibilidade de ter un servizo de abastecemento de auga mancomunado con Pontevedra e xestionado directamente desde o sector público’.

Posto que ambos contratos rematan despois de 20 anos de concesión á empresa Viaqua (desde 1997) ambos Concellos están en diferentes fases do proceso de licitación dunha nova concesión, que no caso de Pontevedra volvería a comprometer ao Concello durante outros 20 anos. A opción mancomunada gaña enteiros enteiros como unha posibilidade real de abaratar o recibo e de garantir un mellor servizo a cidadanía: ‘Priorizamos o interese da cidadania fronte ás macroempresas. Falamos de grandes corporacions que antepoñen os intereses dos propietarios e acionistas aos intereses da cidadanía. Nos ultimos 20 anos o encarecemento do custe da xestión da auga aumentou nun 50%, con merma de calidade e maior dependencia dos monopolios creados arredor dos servizos publicos’ rematou a edil de Poio.

ALEGACIÓNS AO PROCESO DE LICITACIÓN NO CONCELLO DE PONTEVEDRA.

1ª) Que a XGL suspenda e revogue os acordos do día 16 de agosto de 2017 de aprobación do prego de cláusulas administrativas e de prescricións técnicas, e suspenda igualmente o expediente de licitación do servizo de abastecemento de auga e saneamento mediante concesión administrativa.

2ª) Que (ao abeiro do artigo 22.2 f) da LBRL) acorde a xestión directa e cos propios medios do servizo municipal de auga potable e saneamento, e ordene o inicio do expediente e o impulso do procedemento en todas as súas fases ata a súa aprobación definitiva e posta en marcha.

3ª) Que (ao abeiro dos artigos 44.1 da LBRL e 7.3 da Lei 2/2012 de Estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira: “deberán valorar as súas repercusións e efectos”) inicie contactos co Concello de Poio para acordar a prestación en ambos os dous concellos de xeito mancomunado, en aras da maior eficiencia e menor custo.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*