Luís Rei comprométese con impulsar a revitalización das parroquias

Anuncia a creación dun viveiro de empresas agrarias e rurais no antigo colexio de Pío-Bora.

O candidato a alcalde Luís Rei e outros membros da lista de Marea Pontevedra estiveron esta mañá na explotación de Humberto Villanueva, un emprededor de agricultura ecolóxica do lugar do Teso, na parroquia de Bora, onde reafirmaron o seu compromiso coas persoas que viven no rural pontevedrés. Fronte ao apoio do PP, do PSOE e do Bloque de Lores á Autovía entre O Porriño e A coruña (A-57), que vai levar por diante decenas de casas e vai supoñer centos de afectacións noutras propiedades, condicionando o futuro da vida e das familias nas parroquias de Mourente, Bora, Santa María e Santo André de Xeve e Verducido, Luís Rei reiterou que Marea Pontevedra seguirá opoñéndose ao malgasto maiúsculo de recursos  que supón esta infraestrutira.

Marea Pontevedra defende que os cartos se destinen á desprivatización da Autoestrada do Atlántico (AP-9), rescatando asúa  concesión para eliminar a histórica e inxusta sangría que a peaxe supón para os galegos.

Na súa visita a esta finca ecolóxica, Luís Rei anunciou o seu compromiso de impulsar a creación dun viveiro de empresas para as parroquias de Pontevedra no antigo colexio do Pío-Bora. Para Marea é prioritario situar as parroquias no centro das políticas municipais, dándolle a volta ao declive poboacional que padeceron durante os últimos vinte anos, coincidindo coa desatención por parte do Bloque de Lores.

Marea Pontevedra cre que o electoral debe ser un tempo de propostas serias, e critica que se pretenda “remendar” os múltiples abandonos e agresións ao rural do período máis recente con “fantasmadas” improvisadas. O alcalde que en dúas décadas non dotou de abastecemento de auga, nin saneamento, nin transporte, nin medidas de conciliación familiar, nin protexeu dos grandes incendios forestais os núcleos de poboación, non ten crédito para vir agora con ningunha promesa.

A aposta de Marea pola xente das parroquias inclúe un paquete de medidas de conciliación familiar, no coidado dos nenos e maiores, que faga que a carga de atendelos,  deixe de ser o obstáculo que actualmente limita o desenvolvemento vital de moitas persoas, maioritariamente mulleres.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*