Luís Rei: A xestión dos centros socioculturais roza a deixación de funcións por parte do goberno do Concello de Pontevedra

Luís Rei e Teresa Casal rexistraron esta mañá unha iniciativa para que o Concello de Pontevedra coordine o funcionamento e  supervise as contas dos centros socio-culturais e instalacións deportivas de titularidade municipal.

O voceiro de Marea Pontevedra solicitou transparencia na xestión dos centros, cuxa titularidade é municipal: ‘O Concello de Pontevedra destina unha gran parte do seu orzamento a construcción e mantemento destes centros, porén non fai un seguemento do seu funcionamento’.

Nun día marcado, unha vez máis, pola violencia machista, Teresa Casal recalcou que estos centros deberían ser un arma contra un sistema continuo de explotación das mulleres: ‘Ademais das actividades xa existentes, estos centros deben ser tamén unha escola de valores e de convivencia veciñal, para convertelos nunha ferramenta máis que axude a erradicar os abusos que os homes cometen sobre as mulleres’


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

O Concello de Pontevedra, segundo recolle o avance da actualización do Inventario de bens inmobles (rematado a finais de 2016 e pendente de aprobar polos órganos de goberno competentes), conta con diversos equipamentos municipais nos barrios da cidade e nas parroquias, destinados a actividades de índole cultural, social e deportivas.

Entre as instalacións deste tipo están os centros socio-comunitarios de Monte Porreiro, Sur, Gorgullón, Leste, Salcedo ou Pontesampaio, e os pavillóns multiusos e polideportivos, ademais de diversos campos de fútbol localizados na Xunqueira e nas parroquias.

Na actualidade non hai constancia de ningún convenio, regulamento, protocolo ou documento administrativo que regule a cesión e uso destes equipamentos municipais. Porén, aínda que opta por cedelos a diversos colectivos e asociacións, o Concello corre cos gastos correntes (mantemento, subministración eléctrica, abastecemento de auga ou seguro de responsabilidade civil), como queda reflectido nos seus sucesivos Orzamentos xerais.

Á parte de actividades organizadas e financiadas polo propio Concello, como os cursos do Centro de Información a Muller (CIM), nestes equipamentos  tamén se desenvolven actividades formativas, culturais e de lecer que (a través das cotas dos usuarios) xeran uns ingresos económicos sobre os que non hai un control e seguimento municipais.

Marea Pontevedra entende que nos espazos onde se realizan cursos, programas e obradoiros comunitarios de carácter cultural, deportivo, formativo ou lúdico é obriga do Concello dispoñer os mecanismos e ferramentas necesarias para que quede garantido o seu correcto funcionamento. Isto debe incluír a supervisión das súas contas e, asemade, a total garantía de que a súa actividade se desenvolve en condicións de igualdade para todas as persoas, evitando así situacións de xestión discrecional.

PROPOSICIÓN:

  1. Instar á Xunta de Goberno Local a promover a coordinación do funcionamento e actividades dos centros socio-culturais e instalacións deportivas de titularidade do Concello, destinando para garantir iso persoal municipal en número suficiente.
  2. Instar á Xunta de Goberno Local a supervisar as contas dos últimos tres anos nos centros socio-culturais e instalacións deportivas de titularidade do Concello por medio dos servizos de Intervención do Concello.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*