Luís Rei: “A transparencia é a asignatura da democracia que Lores sempre deixa para setembro”

O voceiro de Marea Pontevedra. Luís Rei, compareceu esta mañá ante os medios para falar das continuas viaxes do equipo de goberno da cidade e da escasa información á que a cidadanía ten acceso sobre os mesmos: ‘Son datos que van adoito camuflados en distintas partidas, difíciles ou imposibles de rastrexar para os concelleiros da oposición e, por suposto, opacos para os cidadáns de a pé… pero son datos aos que  todos temos dereito. Isto vai de transparencia, esa materia da democracia que o Bloque de Lores sempre deixa para setembro. Son xa dezanove cursos, e algúns esperamos que deste setembro non pase sen conseguiren o aprobado’.

Nova York, Madrid, Hong Kong, Torres Vedras, París, Lovaina, Pequín, Rouen, Tinduf, Málaga, Irún, México, Jeonju (Corea), Grenoble, Metz, Dinamarca…En total, no actual mandato, Miguel Anxo Fernández Lores leva percorridos 151.567 quilómetros, o equivalente a catro veces a volta ao mundo: Nos estadios de Rusia, durante este mundial de fútbol, Neymar júnior pasou máis tempo tirado no céspede ca xogando. Lores sénior é o Neymar júnior do “mundial” da política galega, e pasa máis tempo facendo turismo que resolvendo os problemas de Pontevedra e dos pontevedreses.

Do mesmo xeito Luís Rei tamén plantexou se realmente existe un beneficio para a cidade resultante das viaxes: A viaxe actual a Dinamarca seica terá a parte boa de traer xente aquí uns días do ano que vén… pero cal foi o “retorno” de Dubai, Pequín, Hong Kong, Nova York ou México? Insisto: catro voltas ao mundo, e o resultado é, sen dúbida, un pasaporte “decorado” cos selos das aduanas e unha vitrina de placas e metopas na alcaldía; pero, cal foi o retorno para nós? Por exemplo, coas viaxes a México, que deron en chamar “misión comercial”. É discutible que un concello se poña a organizar algo así (semella corresponderlle a outras administracións), pero fíxose e agora que vai para un ano daquilo non estaría de máis que se nos diga xa que retorno tivo: uns estudantes en prácticas nun restaurante? Non saíu máis caro o colar ca o can?

Ante o escaso nivel de transparacencia o voceiro do colectivo cidadá matizou que en moitos outros concellos están detallados ata o último céntimo os custos das viaxes e das dietas e que en Pontevedra toda esa información e imposible de recopila: Con todo, é ben fácil calarnos a boca: simplemente socializando a información. Abonda con dicir quen vai a cada viaxe (políticos, asesores, técnicos, xornalistas…), os seus custos (billetes, hoteis, dietas, stands, azafatas…), os días que pasan fóra os viaxeiros… e, á volta, non sobra ofrecer un balance dos resultados. Invitamos ao goberno do concello a que nos cale a boca, a nós e aos cidadáns un pouco moscas con tanta regalía. É a cousa máis doada do mundo: transparencia, esa materia da democracia que o Bloque de Lores leva suspendendo dezanove anos.


AS VIAXES DO GOBERNO

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*