Luís Rei: A ampliación da Depuradora dos Praceres é un ataque contra Pontevedra

O Señor Feijóo deixa co cu ao aire a Rafael Domínguez, hai que ver se o dá tapado.

As palabras de Núñez Feijóo no debate do Estado da Nación ratifican a intención da Xunta de Galicia de ampliar a depuradora de augas residuais dos Praceres, facendo caso omiso aos acordos plenarios do Concello de Pontevedra e menosprezando a toda a veciñanza de Pontevedra, especialmente a de Lourizán, que leva meses de mobilización ante unha actuación que triplicaría o tamaño da instalación actual.

O voceiro de Marea Pontevedra, Luís Rei, amosou o seu malestar e quixo evidenciar a incongruencia que supón que namentres o PP local votaba en contra da ampliación no pleno municipal, o PP de Feijóo, o que manda, anunciaba os plans do goberno autonómico de licitar as obras do emisario, xa en exposición pública, e das obras de mellora da actual planta: Isto demostra que a declaración institucional unánime no pleno eran fogos de artificio. O señor Feijóo, en cambio, emprega fogo real, con Pontevedra no punto de mira.

A obra do emisario inclúe unha ampliación de 1300 metros cadrados a 14m de altura, dos cales 7 metros serían en superficie. Segundo o propio proxecto a distancia co mar desta obra sería de 28 metros e serviría como instalación de bombeo para as fecais de 150 mil persoas. Cómpre lembrar que Pontevedra ten algo máis de 82 mil habitantes, polo que sería totalmente innecesaria se Poio e Marín fixeran os deberes e depuraran as súas augas nos seus termos municipais, tal como solicita a moción de Marea Pontevedra aprobada onte. Unha moción que contou co apoio do grupo popular de Pontevedra: A ampliación da Depuradora dos Praceres é un ataque contra Pontevedra e deixa ao señor Rafael Domínguez co cu ao aire… hai que ver se o dá tapado.

Ante unha realidade que ameaza con descargar toneladas de fecais en Pontevedra, e nomeadamente riba do banco marisqueiro da praia dos Praceres, Luís Rei deixou claro que o seu grupo está ao servizo dos veciños e das veciñas e que están a súa disposición para axudar a parar a ampliación: Agora o que toca é organizar a resistencia, e Marea Pontevedra vai estar ao lado, ou detrás dos veciños, como sempre. Porque é unha loita de todos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*