Lidia Senra levará ao Parlamento Europeo as demandas da Plataforma Non Á Ampliación da EDAR dos Praceres

A eurodiputada, acompañada de Luís Rei e de Jaime Acuña, mantivo esta mañá unha xuntanza cos representantes do colectivo.

A eurodiputada Lidia Senra, o voceiro de Marea Pontevedra, Luís Rei, e o veciño da parroquia e candidato na lista do colectivo cidadá para as municipais, Jaime Acuña, mantiveron esta mañá un encontro coa plataforma veciñal para defender, tamén desde as institucións europeas, un modelo de saneamento alternativo á macrodepuradora dos Praceres que pretende realizar a Xunta de Galicia.

O encontro tivo lugar a raíz da petición dos veciños e das veciñas e durante o seu transcurso trasladaron a Lidia Senra as súas inquedanzas e a información recopilada desde que a Xunta anunciou a intención de triplicar as actuais instalacións da EDAR, construída sobre un recheo da praia dos Praceres que no seu día foi un banco marisqueiro.

A suposta paralización ata 2023 da ampliación non supón, nin moito menos, un alivio para ninguén, pois actualmente estanse realizando as obras para canalizar as augas residuais dos concellos veciños e das empresas do Porto de Marín e continúa sobre a mesa o anteproxecto do emisario submarino. Este anteproxecto leva consigo a construcción dunha estación de carga e bombeo de 1300 metros cadrados e 7 m de altura, polo que, ademais do dano ambiental do propio emisario que atravesa o banco marisqueiro, convértese no primeiro paso dunha ampliación que pretende facerse con nocturnidade e alevosía.

Marea Pontevedra leva defendidas no pleno numerosas iniciativas encamiñadas a parar esta actuación. Do mesmo xeito defenderase no Parlamento Galego e no Español a través de En Marea e agora será Lidia Senra quen o leve ao Parlamento Europeo despois de consensuar cos principais afectados as iniciativas a desenvolver.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*