Gañar a maioría: Hoxe, oposición útil; mañá, goberno da xente

 A XVIII Asemblea ordinaria de marea Pontevedra, celebrada o xoves 26 de Xaneiro, valorou positivamente o traballo realizado polo Grupo Municipal durante a primeira metade do mandato. As asistentes aprobaron  por unanimidade a seguinte resolución que enmarca a liña política da Marea para este novo tempo, definida por unha oposición últil e constructiva.

  1. Marea Pontevedra naceu en agosto de 2014 co obxectivo de construír un espazo de unidade popular para o cambio político no Concello de Pontevedra. Non nacía para ser unha forza bisagra que puxera a súa representación institucional ao servizo doutras forzas políticas.
  2. Eramos conscientes, desde o primeiro momento, de que as características propias nas que se desenvolvía a política no Concello de Pontevedra esixían intelixencia política para non caer arrastrados por ningún dos dous polos dominantes da política local: dunha banda un partido gobernante durante todo o actual século, con déficits froito desa permanencia no poder (e situado na esquerda, pero aplicando políticas de dereitas); por outra banda, unha oposición sen ideas, asentada en ocorrencias, e liderada polo PP.
  3. Desde o primeiro momento, Marea Pontevedra fixou a súa posición en base a un rexeitamento da política tradicional: a casta, que aquí chamamos PTVs – Políticos de Toda a Vida. Esa posición de orixe permitiunos non vernos arrastrados por ningún dos dous polos existentes (que nas cuestións centrais son complementarios: ambos os dous están a favor dos recheos do porto, da A57, das privatizacións dos servizos básicos, da ampliación da EDAR…)
  4. Esta posición só era posible mantela amosando con claridade que tiñamos unha alternativa desde o primeiro momento. Por iso foi clave que no pleno de toma de posesión do actual mandato presentásemos a Luís Rei como o noso candidato á alcaldía, evitando apoiar ao actual rexedor.
  5. Eramos conscientes de que durante estes catro anos iamos ter que ir graduando a nosa oposición, máis forte na primeira metade (para despexar toda dúbida de sermos unha forza auxiliar) e máis construtiva na segunda metade (para situar con nitidez o noso papel de forza preparada para gobernar).
  6. Durante o último trimestre de 2016, primeiro coa presentación do noso modelo económico-social para o concello e logo coa negociación co grupo de goberno sobre os orzamentos do 2017 (ante unha situación de bloqueo) logramos fixar ante a opinión pública un antes e un despois que agora cómpre asentar co suficiente equilibrio no que queda de mandato.
  7. A nosa abstención permitiulle ao grupo de goberno aprobar os orzamentos do 2017, pero, sobre todo, serviu para demostrar que desde a firmeza nos principios e a flexibilidade nas negociacións se pode facer política en favor das maiorías e impulsar un xiro social ás políticas municipais.
  8. Desde a felicitación ao traballo realizado polos nosos concelleiros nestes dous anos, e parabenizando á organización por saber aproveitar a situación política a través da negociación en beneficio das maiorías, o que agora toca é encarar este novo tempo desde o compromiso coa cidadanía, a lealdade coa cidade e a vontade de gobernar o concello.
  9. Marea Pontevedra vai aproveitar este novo tempo, estes dous vindeiros anos de lexislatura, para asentar ao máximo o seu perfil propositivo, amosando que se pode ser OPOSICIÓN ÚTIL, HOXE e GOBERNO DA XENTE, MAÑÁ.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*