En Marea solicitará no Parlamento Galego conservar o edificio da central eléctrica de Mollavao como modelo de arqueoloxía industrial

Fotografía de Diego Torrado. Pontevedraviva

Fotografía de Diego Torrado. Pontevedraviva

 

 

 

 

 

 

 

 

 

O Grupo Parlamentar de En Marea presentará mañá no pleno do Parlamento, por medio de Ánxeles Cuña e Luca Chao, unha Proposición Non de Lei e unha pregunta para a súa resposta oral no pleno encamiñadas a paralizar o derribo dun edificio con valor histórico e arquitectónico que merece ser conservado e rehabilitado, como sucede con instalacións similares en moitas cidades de España e Europa.

A empresa Gas Natural-Fenosa ten intención de proceder na cidade de Pontevedra á eminente demolición do edificio histórico da Central Eléctrica de Mollavao. Nos últimos anos, por toda Galicia, perdéronse mostras significativas de edificios e fábricas que por se mesmas significaban todo un testemuño do desenvolvemento industrial, comercial e económico do noso país.

Mentres noutros lugares de Europa, e tamén do Estado, se lle está a prestar especial atención en recuperar e restaurar construcións desta índole, pola contra non son poucos os casos, nas nosas cidades e vilas, que se dilapidan mostras sinaladas dun patrimonio cultural que todos deberiamos protexer.

Por estes edificios, a maiores da súa contrastada riqueza arquitectónica, transmítese a memoria do traballo, das tecnoloxías, do progreso empresarial e máis a historia mesma da clase obreira. Unha empresa como Gas Natural-Fenosa —por moitos e privilexiados contactos que teña no seo do goberno galego— non pode actuar por fóra do control da administración autonómica —ou municipal— e tentar derrubar, como se anunciou hai uns días, un edificio inaugurado hai 90 anos que, polas súas características formais, é toda unha singular mostra das construcións deseñadas durante o primeiro proceso de electrificación de Galicia.

A Xunta de Galicia xa permitiu nos últimos anos de que se demolesen na cidade de Pontevedra, para escándalo das entidades proteccionistas, o Teatro Cine Malvar, a cheminea da Curtidoira, o antigo almacén do sal da Moureira, o Chalé dos Obreiros da fábrica Tafisa e, hai ben pouco, do pequeno pavillón racionalista onde nacera  a emisora Radio Pontevedra.

Nese sentido, e para que non se repitan actuacións propias dunha “piqueta inculta”, En Marea esixirá no Parlamenteo Galego, que non mire para outro lado e poña en garda aos seus servizos de Patrimonio para que a nosa mellor arqueoloxía industrial, como é o caso do edificio pontevedrés da Central Eléctrica de Mollavao, sexa finalmente salvado dunha vergoñenta demolición.

E de ser así, sumado a un desexable proceso de restauración, que poida ser gozado no futuro por unha veciñanza pontevedresa que vén de facer público un claro chamamento para que, por parte das administracións, especialmente a Xunta de Galicia, se evite a toda costa a súa destrución.


PREGUNTA        

  • Ten coñecemento como conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da intención da empresa Gas Natural-Fenosa de proceder na cidade de Pontevedra á eminente demolición do edificio histórico da Central Eléctrica de Mollavao?
  • Entende ou non o Conselleiro se os servizos de Patrimonio da súa Consellería deberan estar previamente informados a efectos de facer o obrigado ditame sobre esta singular mostra urbana de arqueoloxía industrial galega?

PROPOSICIÓN NON DE LEI

O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a través da Consellería de Educación,  Cultura, e Ordenación Universitaria a:

  • Facer o obrigado ditame sobre esta singular mostra urbana de arqueoloxía industrial galega.
  • Poñer en funcionamento as medidas necesarias para que os servizos de Patrimonio da  Consellería podan evitar agresións deste tipo.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*