En Marea solicita no Congreso o cambio de nome do colexio Salvador Moreno de Pontevedra para cumprir a Lei de Memoria Histórica

Imaxe de Pontevedraviva.

Imaxe de Pontevedraviva

A voceira de En Marea no Congreso dos Deputados, Yolanda Díaz, rexistrou unha pregunta ao goberno sobre o incumprimento da Lei de Memoria Histórica, na que destaca o colexio ‘Salvador Moreno’ de Pontevedra.

O Presidente do goberno de España, Mariano Rajoy, ten saudade da rúa que en Pontevedra levaba o seu nome e apelidos. Pola contra, Marea Pontevedra maniféstase orgullosa de que o nome de Rosalía de Castro ocupe o seu lugar.

Se ben a nostalxia do veciño non grato de Pontevedra non vulnera a lei, si que o fai a existencia dun colexio de educación primaria e secundaria que leva o nome dun militar golpista. Por este motivo, a voceira de En Marea vén de rexistrar no Congreso unha pregunta encamiñada a cumprir a Lei de Memoria Histórica en Pontevedra, co caso concreto do colexio, e no conxunto de Estado.


UN MINISTRO GOLPISTA

En xullo de 1936, Salvador Moreno, capitán de fragata, realizou actos terroristas contra a legalidade constitucional, e a man armada apoderouse no arsenal de Ferrol dun cruceiro da Armada que puxo a dispor dos militares que se alzaron contra o goberno lexítimo da República.

Moreno desde o primeiro momento formara parte en Galicia da trama político-militar que preparou o golpe militar e que, despois do seu trunfo por métodos violentos, levou á morte por fusilamento de numerosos mariñeiros e oficiais leais ao goberno republicano e mesmo do almirante Azarola, comandante xeral da Mariña no territorio galego.

Polas súas actuacións ao mando de buques franquistas foron bombardeados tanto portos como poboación civil do Cantábrico e de Andalucía e realizou capturas de buques en alta mar que produciron novas execucións e condenas a morte en ilegais consellos de guerra.

Condecorado polo ditador por estas actuacións e ascendido a almirante, o xeneral Franco nomeouno, en dúas distintas etapas, ministro de Mariña da ditadura.

O Presidente do goberno de España, Mariano Rajoy, seica ten saudade da rúa que en Pontevedra levaba o seu nome e apelidos. Pola contra, Marea Pontevedra está orgullosa que o nome de Rosalía de Castro ocupe o seu lugar. Para liberar a nosa cidade de militares e ministros franquistas que tanto defende Rajoy.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*