En Marea defenderá no Parlamento Galego a paralización da ampliación da depuradora dos Praceres e a revogación da prórroga de ENCE

Luís Villares, Teresa Casal e Luís Rei presentaron hoxe, no Concello de Pontevedra, as iniciativas parlamentarias que defenderá En Marea relativas a paralización da ampliación da depuradora dos Praceres e a revogación de prórroga de ENCE.


PNL CONTRA A AMPLIACIÓN DA DEPURADORA DOS PRACERES

Á MESA DO PARLAMENTO

O Grupo Parlamentar de En Marea, por iniciativa das súas deputadas e deputados e Luís Villares Naveira e ao abeiro do disposto no artigo 160 do regulamento da Cámara, presenta a seguinte proposición non de lei para o seu debate en Pleno.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

O pleno da corporación do Concello de Pontevedra aprobou rexeitar a ampliación da EDAR dos PRACERES. Esta Estación depuradora que limpa as augas residuais do Concello de Pontevedra e limítrofes xa sufriu varios reveses e ten en contra á cidadanía polo nivel de contaminación das augas, que se verten á Ría de Pontevedra. Un deles foi a chamada de atención da UE por a inaplicación da Directiva 91/271/CEE do Consello de 21 de maio de 1991 sobre o tratamento de augas residuais urbanas.

A multa imposta polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea o 25 de xullo de 2018, condena ao Estado a pagar unha sanción de 12 millóns de euros pola tardanza no cumprimento da normativa europea sobre o tratamento de augas residuais urbanas e imporá  unha multa coercitiva de 11 millóns de euros por cada semestre nos que se siga a incumprir a normativa. Todo isto polo incumprimento doutra sentencia anterior da sentencia 14 de abril de 2011, no que varios concellos galegos seguían sen tratamento de augas residuais.

Neste ambiente a comisión de seguimento do plan de saneamento local da Ría de Pontevedra coñecía a proposta de Augas de Galicia de ampliar esta depuradora que abarcaría o dobre de espazo nos terreos colindantes á existente, sempre que Costas autorizase a mesma. Estes terreos pertencentes á lámina de auga, titularidade de Costas, sobre os que está situada a pasteira ENCE e nos que se situaría a ampliación da depuradora. A actual depuradora, non conta coas autorizacións específicas para estar en dominio público marítimo, ademais de manter as augas con peor calidade de toda a costa española, non respecta as distancias legais mínimas das vivendas.

A veciñanza amosouse contraria á ampliación así como á carga de depuración que soporta dita estación, pois ademais das augas residuais de Pontevedra, faise cargo das augas residuais de Poio, Marín, Vilaboa e Ponte Caldelas.

O pasado 5 de outubro, o DOG publicaba a resolución de información o pública do anteproxecto do novo emisario submarino da estación depuradora de augas residuais dos Praceres, na ría de Pontevedra. Este anteproxecto recolle a intención da Xunta de Galicia de construír unha estación de carga e bombeo para dar servizo ao emisario submarino. Construción que precisa permisos de Costas e do Ministerio de Fomento,  e que prevé ocupar 1300 metros cadrados e 7 metros de altura en terreos de Dominio Público Marítimo Terrestre (DPMT) e eliminaría a escasa fachada litoral que aínda conserva a Praza dos Praceres, ao que a veciñanza mostrou a súa oposición. Unha vez máis ven a demostrar a falta de coherencia do PP que votou a favor da proposición que rexeita a ampliación da EDAR e despois o mesmo partido publica este anteproxecto de ampliación do emisario submarino.

Por todo o exposto, o grupo parlamentar de En Marea presenta a seguinte proposición non de lei para o seu debate no Pleno, sobre a necesidade de rexeitar a ampliación da EDAR dos Praceres, na parroquia de Lourizán.

O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a

1.- Rexeitar a ampliación da EDAR dos Praceres, na parroquia de Lourizán, Pontevedra.

2.- Instar a Consellería de Medio Ambiente a reducir a carga que soporta a EDAR dos Praceres de limpeza de augas residuais, con limitación exclusiva e unicamente as augas do Concello de Pontevedra.

3.- Instar a Consellería de Medio Ambiente a que todos os concellos limítrofes conten co seu propio sistema de limpeza das augas residuais, nomeadamente Poio, Marín, Vilaboa e Ponte Caldelas.

4.- Instar ao Goberno do Estado para que rexeite a autorización de ampliación nos seus terreos, que son dominio público marítimo- terrestre, e empece as labores de recuperación da marisma de Lourizán, e da calidade das súas augas para que se recupere tamén o banco marisqueiro.

5.- Instar a Augas de Galicia á retirada do anteproxecto de emisario submarino, publicado no DOG, o  venres, 5 de outubro de 2018.


PNL SOLICITANDO A REVOGACIÓN DA PRÓRROGA DE ENCE

O Goberno en funcións do Partido Popular o20 de xaneiro de 2016 ditou unha resolución na que outorgou a ENCE, ENERXÍA E CELULOSA SA unha prórroga por 70 anos da concesión da ocupación do dominio público marítimo terrestre para a fábrica de pasta de celulosa KRAFT, outorgada por OM de 13 de xuño de 1958, á EMPRESA NACIONAL DE CELULOSA SA nos terreos das marismas de Lourizán, Pontevedra.

Para elo modificouse a Lei 22/1988 de Costas, que establecía o tempo de duración destas instalacións ata o presente ano, e no sitio aprobou  a Lei 2/2013 de protección e uso sostible do litoral. Por tanto, isto supón o incumprimento de facto da execución das sentencias da Audiencia Nacional de 19 de maio de 2011 e a súa ratificación pola Sentencia do TS de 11 de xullo de 2014 que condenou ao estado a incoar o expediente de caducidade da concesión e adoptar as medidas legais para paralizar as actividades e suspender o uso e explotación das instalacións.

O Partido Popular que goberna na Xunta de Galicia, pese a levar durante anos no programa retirada de ENCE da ría de Pontevedra recuou coa publicación no DOG do 5 de novembro de 2018 do anuncio do 1 de outubro de 2018, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se da publicidade ás resolucións polas que se revisan as autorizacións ambientais integradas de Papeleira de Brandía, S.A. (Santiago de Compostela, A Coruña) e ENCE, Enerxía e Celulosa, S.A. (Pontevedra).

O goberno da Xunta de Galicia, renova a autorización ambiental de ENCE en Lourizán despois da ampliación da concesión dos terreos aprobada polo goberno central do PP ata o ano 2073 a pesar do rexeitamento social.

Por todo o exposto o Grupo parlamentar de En Marea presenta a seguinte Proposición non de Lei para o seu debate en Pleno:

O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno do Estado para:

1.- Revisar de oficio a concesión da pasteira ENCE SA ata o ano 2073 concedida polo goberno anterior e publicada no BOE,  mediante resolución do 20 de xaneiro de 2016.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*