En Marea defenderá a inclusión das demandas de Pontevedra nos orzamentos da Xunta en 2018

O Grupo Municipal de Marea Pontevedra e o Grupo Parlamentar de En Marea mantiveron unha xuntanza para introducir as demandas da cidade do Lérez nos orzamentos da Xunta de Galicia para 2018.

As deputadas autonómicas, Eva Solla e Marcos Cal, visitaron esta tarde a Boa Vila para afondar nas necesidades da veciñanza e introducilas nos orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro ano. Na xuntanza estiveron presentes o voceiro de Marea Pontevedra, Luís Rei; a concelleira, Carme Moreira; a coordinadora, Peque González; e a activista pola sanidade pública, María Luisa Lores; acompañadas do técnico do grupo municipal.


EMENDAS AOS ORZAMENTOS DA XUNTA PARA 2018.

Melloras para as persoas:

  • Inversión en materia forestal: Incluso despois dos tristes acontecementos, especialmente o pasado domingo 15 de outubro, o goberno de Núñez Feijóo segue sen contemplar a inversión dun so euro en facer cumprir a lei que obriga a distanciar máis de 50m dos núcleos poboacionais ás árbores consideradas pirófitas. Marea Pontevedra xa presentou no Concello de Pontevedra unha moción encamiñada a cumprir esta normativa e solicitará, a través de En Marea, a dotación orzamentaria da Xunta para este fin.
  • Escolas infantís: En Pontevedra máis dun 50% de nenos e nenas quedan sen praza nas escolas infantís públicas todo caso (518 de 1.005 peticións). Resulta evidente a necesidade de ampliar a oferta e formular a creación de novas escolas. O borrador do orzamento para 2018 non recolle aumentar a oferta destas prazas.
  • Residencias da terceira idade: Nunha situación similar que as escolas infantís. Pontevedra ten un gran déficit na oferta de prazas, unicamente a residencia de Campolongo facilita a conciliación desde o sector público, unha demanda que novamente queda no esquecemento para o goberno galego.
  • Transporte público: Outra das demandas históricas da cidade. Pontevedra seguirá sendo a única das sete grandes cidades galegas que non conta cunha rede de transporte público.

Melloras para infraestruturas:

Pese a destinar a maior parte do gasto en infraestruturas quedan sen atender demandas importantes, das que algunhas xa foron desatendidas no orzamento do ano pasado despois de ser presentadas como emendas polo grupo parlamentar.

  • Saneamento no rural: Pontevedra segue sen conectar á totalidade das vivendas á rede de saneamento. Por se isto fose pouco, esta rede segue baseándose no entubamento no lugar da depuración.
  • Recuperación integral da Ría: Non aparece ningunha inversión encamiñada a recuperar un espazo natural único, como por exemplo a instalación de microdepuradoras que permitan un saneamento efectivo das augas. Por se isto fose pouco, consuma un novo agravio para os veciños e veciñas de Lourizán coa ampliación da EDAR dos Praceres, que seguirá funcionando moi por riba da súa capacidade.
  • Estrada de Vilagarcía e variante de Alba: A segunda conta cunha inversión de 250 mil euros para este exercicio, unha cantidade ridícula que non permitirá nin tan sequera o inicio das obras. A estrada de Vilagarcía non contempla ningunha, pese as reiteradas demandas cidadás para o seu adecentamento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*