‘Elnosa tomoulle o pelo aos traballadores e agora se as administracións permiten que continue a súa actividade raiarían a prevaricación’

O Grupo Municipal de Marea Pontevedra presentou esta semana unha proposición solicitando o peche da electroquímica en decembro, data na que finaliza o permiso da UE para empregar mercurio na produción de cloro.

A empresa Electroquímica del Noreste S.A. (ELNOSA) leva instalada no areal de  Lourizán, dentro dos límites municipais do Concello de Pontevedra, desde finais dos anos 60, empregando mercurio para producir cloro inicialmente destinado ao branquexo do papel producido por ENCE.

Un informe técnico de 2010, asinado polo Laboratorio Biogeoquímicas de Metales Pesados da Universidade de Castela-A Mancha, acreditou que ELNOSA, con repuntes de ata 1.400 nanogramos por metro cúbico, multiplicaba por sete os niveis de tolerancia de mercurio establecidos pola OMS, de 200 nanogramos. A Unión Europea, por medio da directriz de Emisións industriais (Directiva 2010/75/UE), marca a data de 11 de decembro de 2017 para a entrada en vigor da prohibición de producir cloro empregando mercurio e obriga a modificar os procesos que utilizan este material pesado por outros máis limpos.


UNHA ESTRATEXIA IRRESPONSABLE

Desde este cambio legal, a xestión de ELNOSA (adquirida en 2003 pola multinacional portuguesa Companhía União Fabril, CUF) estivo máis centrada en mercar vontades que en adaptarse á nova legalidade, perxudicando con iso os seus traballadores, aos que non lles buscou alternativas para manter as súas familias dun xeito digno.

Cunha produción de 34.000 toneladas de cloro ao ano, cunha facturación de 30 millóns de euros, e amparándose na repercusión do peche sobre os empregos directos, ELNOSA quere chantaxear á sociedade cunha tripla estratexia:

1- Conseguir unha moratoria de Costas (que mantén aberto un expediente de caducidade da concesión, cuxo remate é xuño de 2018).

2-  Lograr a Autorización Ambiental Integrada da Xunta de Galicia (coa que selou en 2013 o compromiso de cesar a actividade entre decembro de 2016 e outubro de 2017).

3- Cambiar a tecnoloxía, como demanda Europa (algo para o que precisa licenza do Concello, que rexeitou a posibilidade dun Plan Especial de Reforma Interior, PERI).

O voceiro de Marea pontevedra calificou a actuación de Elnosa como unha irresponsabilidade que afecta directamente aos seus traballadores: ‘O que estivo facendo elnosa é unha tomadura de pelo aos seus traballadores porque despois de adquirir un compromiso de iniciar unha serie de adaptacións e resolvelas entre o 2017 e 2017 non fixo nada e agora veñen con contos chineses para conseguir unha autorización ambiental integrada’ e advertiu que se as administracións consinten a continuidade ‘estarían raiando a prevaricación’.

O escritor tamén deixou claro que as alternativas que a empresa comtempla para seguir operando en Lourizán crearían aínda máis problemas sociais e ambientais: ‘Convén insistir en que a falsa solución de producir hipocloritos obrigaría á importación dun material altamente inflamable e, como é lóxico pensar, o tráfico pesado derivado do seu transporte incrementará os potenciais perigos que iso xera na estrada vella de Marín, P0-546, e en toda a contorna’.

Marea Pontevedra entende que os recursos da ría de Pontevedra e o seu aproveitamento conforman unha economía sostible que se viu seriamente ameazada por estas actividades industriais nada respectuosas co medio, e dado que non se poden desenvolver ao mesmo tempo e no mesmo espazo físico os usos sostibles e os ambientalmente punitivos solicita as administracións públicas a seguinte proposición:


PROPOSICIÓN:

1- Instar á Xunta de Galicia a facer cumprir o prazo ditaminado pola Unión Europea (11 de decembro de 2017) como data de cese e peche de actividade de ELNOSA nos terreos de dominio marítimo-terrestre que ocupa en Lourizán.

2.- Instar a todas as administracións públicas, incluído o Concello de Pontevedra, a que, tras a desafectación, dean inicio a un proceso de recuperación integral deses terreos.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*