Dia da visibilidade lésbica: Marea Pontevedra promovera unha axenda institucional que afonde na vida democrática e loite por unha educación inclusiva baseada nos valores de diversidade e igualdade

lesbiDe novo, como cada día e significativamente o 26 de abril, as mulleres lesbianas saímos á rúa para de xeito colectivo visibilizarnos e animar a todas nós e a toda persoa a vivir unha vida plena, libre e honesta consigo mesmas. Nas rúas e nas institucións loitaremos polos nosos dereitos. Bolleras, solteironas, invertidas, camioneiras, marimacho, cúmulo de pecadoras vivimos a nosa sexualidade á marxe da norma heterosexual do patriarcado.

Rexeitamos a invisibilidade social do lesbianismo, a continua obxectivación sexual das nosas vidas nos medios, o acoso escolar, o acoso nas rúas, as agresións lesbófobas e os recortes en orzamentos sociais e sanitarios que tanto nos afectan.

A discriminación por orientación sexual que as mulleres lesbianas padecemos anula o nosos dereitos de igualdade e liberdade fundamentais no senso económico, social e cultural e maniféstase na invisibilización, a negación, a burla, a agresión verbal ou física as que as mulleres lesbianas nos vemos sometidas.

Como mulleres sufrimos a discriminación laboral das políticas económicas do capital, que feminizan a pobreza e condenan ás mulleres á precariedade económica e social, ademais do descoñecemento dos nosos gobernantes da nosa realidade.

Desde Marea Pontevedra esiximos a todo organismo sanitario, público ou privado, protocolos sanitarios e especificamente xinecolóxicos, sobre a saúde sexual de mulleres lesbianas, con especial atención no que atinxe a mulleres mozas.

Non aceptamos a presunción de heterosexualidade, as nosas necesidades deben ser tidas en conta. Atención médica sen discriminación é un dereito. O persoal sanitario debe estar formado en saúde sexual así como en diversidade sexual. E nunca a nosa saúde pode ir separada da nosa saúde reprodutiva. Queremos ser nais sen imposicións patriarcais.

Marea Pontevedra promovera unha axenda institucional que afonde na vida democrática e loite por unha educación inclusiva baseada nos valores de diversidade e igualdade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*