Desde a Oficina Única do Banco Metropolitano de Excrementos

­

As Rías Baixas contan en Pontevedra cun gran banco, e non o marisqueiro cada vez máis ameazado e minguante, senón o Banco Metropolitano de Excrementos, que ten a súa cámara acoirazada e oficina principal e única xusto nos Praceres. Os directores de área de Poio e Marín veñen traballando por nutrilo con milleiros de novos impositores (ou depositores…) aínda que, paradoxalmente, non queren oír falar de abriren necesarias sucursais no seu territorio…

Só que arestora, saíndo xa do plano metafórico, é o tempo de falarmos do que sucede coa ría que compartimos, cousa que leva a falarmos dos gobernos de Concellos que non queren asumir que as súas necesidades son tamén, e de xeito fundamental, un problema propio sobre o que non poden seguir inhibíndose.

Aínda que non é lei de Deus que as depuradoras deban estar á beira do mar (se así for, Madrid non podería tratar as súas augas residuais), entre nós  é xustamente o que sucede nos concellos do litoral. Convén, por tanto, facermos unha comparativa coas rías veciñas, para constatar que ó sur, a de Vigo, ten actualmente once Estacións Depuradoras de Augas Residuais (pois diso estamos a falar), e na de Arousa, con menor poboación cá de Vigo, mais tamén cá nosa, contan con outras once. Aquí en cambio, só temos tres: a de Bueu, para tratar 5.100 metros cúbicos ao día; a de Sanxenxo, para tratar 8.800 metros cúbicos; e a macro-planta da capital, que trata 64.800 (máis de cinco veces as de Bueu e Sanxenxo xuntas).

En todo caso, é un feito que Pontevedra, con 7 quilómetros de costa,  Marín, con 11, e Poio, con 15, somos tres concellos lindeiros que compartimos a condición de darmos á ría de Pontevedra. E tamén é un feito que só Pontevedra conta xa cunha macro-EDAR que recibe, ademais das súas, as augas de Marín, con 25.000 habitantes e sen EDAR, e de Poio, con 20.000 e igualmente sen EDAR. Choca, por tanto, que cando a estación pontevedresa parece ser insuficiente, nin a Marín nin a Poio lles importe que duplique a súa capacidade, con tal de eses concellos seguiren ausentes da lista.

Poden aducir que é obriga deles miraren pola protección da súa costa… pero tamén nós temos todo o dereito a iso mesmo (á parte de que os feitos deixan clarísimo, tras dúas décadas no cargo, que para o señor alcalde de Poio  só é importante protexer a súa costa de todo menos do cemento).

En Pontevedra, xaora, tamén nos importa a protección da costa. E tamén nos importa, e moito, facer explícito que tanto a masa fecal que agora nos mandan coma o que xentilmente pretenden seguir mandándonos en dobre ración no futuro xa non é nada ben recibida. E non sobra, a esta altura, lembrarmos algunha outra cousa.

Por exemplo que en resposta a unha denuncia formulada en 2014 pola Comisión Europea as autoridades españolas deron en 2015 a data de setembro de 2020 como horizonte para resolver os problemas de depuración das augas, e mesmo a Xunta avanzou que gran parte das axudas comunitarias para saneamento en Galicia se destinarían a Pontevedra. Esa promesa non impediu que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea ratificase en 2016 o incumprimento reiterado do tratamento das augas residuais da nosa ría, sinalando asemade o “indubidable risco para a saúde pública” orixinado por un deficiente saneamento. E hai ben pouco, o 21 de maio deste ano, o director de Augas de Galicia deulle a coñecer á Comisión de Seguimento do Plan de Saneamento Local da Ría de Pontevedra o proxecto de ampliación da EDAR dos Praceres, que pasaría a ter o dobre de capacidade e ocupar o dobre de espazo en terreos contiguos á actual.

Dado que xa leva funcionando dúas décadas (co resultado de que dispoñemos das augas de peor calidade de todo o litoral español), dado que non respecta a distancia legal mínima das vivendas habitadas (de 200 metros), e dado que ocupa terreos en dominio marítimo (cando a lei só autoriza facelo con instalacións que non poidan estar noutro lugar), non parece lóxico apostar pola ampliación dunha macro-depuradora que constitúe un despropósito ambiental.

A solución aos problemas ambientais, urbanísticos e xudiciais do actual (mal) modelo non pode ser seguir teimando no erro, trasladando as augas residuais por rudimentarias tubaxes de quilómetros ata desembocaren nunha instalación que a cada paso hai que agrandar e a cada pouco queda pequena.

Xa que logo, desde Marea vemos necesario deixar de ser para os concellos limítrofes unha especie de ONG de recollida de fecais. Isto pasa por un nidio rexeitamento da ampliación da macro-EDAR de Pontevedra (evitando perpetuar un sistema desfasado e ineficaz que vai en detrimento da calidade de vida da veciñanza e ten un enorme custo ambiental), por demandar de Augas de Galicia un compromiso de redución da carga que esa infraestrutura soporta actualmente (limitándoa ás augas residuais que teñan orixe nun concello con 83.000 residentes), e por pedirlle a Costas que non autorice a ocupación duns terreos que foron lámina de auga (para podermos ir, nalgún momento dun futuro tamén sen Celulosas, á recuperación do seu estado natural de marisma e banco marisqueiro).

É ben que os colectivos veciñais e toda a sociedade tomen nota de como quedamos retratados os grupos políticos cando o pleno do Concello debateu este asunto por instancia de Marea. Fronte ós que preferiron manter unha posición ambigua, nós insistimos en que ante a ameaza de ampliación só caben dúas posicións: admitila ou rexeitala. E Marea ponse do lado dos que traballan por pechar a etapa de oficina única do Banco Metropolitano de Excrementos.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*